publicidade hoxe

Carlos Barcón faise co premio de pintura Manuel Rebón-Concello de Ares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocal Portada
A-
A+
Obra gañadora

Obra gañadora

O premio de 1.200 euros á mellor das trinta e seis obras presentadas en prazo á novena edición do certame de pintura Manuel Rebón-Concello de Ares foi para Carlos Barcón Collazo, por “A solas con el mar”. Así o decidiu o xurado na xornada do venres, despois dunha longa deliberación, posto como deixaron de manifesto, a calidade de moitas obras era altísima. No caso da categoría de mellor pintor local, que este ano incrementou a contía do premio a 500 euros foi para Víctor Rodríguez Espiñeira, por “Costa Atlántica”.

En canto aos accésits, o primeiro foi para Jesús Costa Beiro, que presentou a obra “Pomar en Penumbra”, mentres que o segundo o recibiu Eva Silva Suárez, por “Penélope”.

Tal e como se informara, o xurado estivo integrado por persoas vencelladas co mundo da cultura, exercendo o concelleiro da área, o socialista Eugenio Fernández, como vocal sen voto. Nomeadamente, conformárono a gañadora da sexta edición, Chuca Garrote; a mellor pintora local nos anos 2012 e 2014, Josefina Vales; ademais do ilustrador aresán e licenciado en Historia da Arte Antonio Seijas.

A exposición coas obras presentadas ao certame poderá visitarse no CIRS de Cervás ata o día 26 de setembro, data na que ademais da clausura da mostra procederase á entrega dos premios, nomeadamente ás oito da tarde. O horario de visitas será de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas, de luns a domingo.

14 de setembro de 2015 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.