Carballo acollerá a final da Copa Galicia de baloncesto en cadeira de rodas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación do evento deportivo

Presentación do evento deportivo

Carballo aposta polo deporte adaptado xa que o sábado 12 de setembro o Pavillón Vila de Noia (Zona Escolar) acolle a partir das 18.00 horas a final da Copa Galicia de baloncesto en cadeira de rodas. Manuel Cantelar Varela, xogador carballés desta disciplina, explica que tiña a arela de xogar a final do torneo co seu equipo, o Basketmi Ferrol, -que disputará o título co Amfiv de Vigo- na súa vila e competindo por gañar, polo que uniu esforzos co CB Artai para conseguir que a final tivera lugar en Carballo.

Cantelar asegura que os de Vigo son os favoritos, pero “queriamos que a xente vise que somos deportistas coma os de baloncesto convencional”, pelexando por gañar títulos e mantendo o nivel da competición. Con esta cita continúa o labor que comezou hai un ano coa celebración dunha xornada de portas abertas para dar a coñecer este deporte e que tivo os seus froitos nunha sección para deporte adaptado para nenos e nenas con necesidades especiais que xestiona o CB Artai.

Precisamente dende este club Joaquín Moreira manifestou a intención da entidade de seguir traballando, nomeadamente co baloncesto “a estrela deste deporte, con partidos espectaculares”. Tanto o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, como o Alcalde, Evencio Ferrero, agradeceron que a cita veña a Carballo, así como o traballo de Cantelar e Moreira por traer á vila aos mellores equipos de Galicia. Convidaron a todos os veciños e veciñas a que se animen a asistir a esta cita, que tamén está organizada pola Federación galega de baloncesto en cadeira de rodas, para coñecer máis de preto un deporte que sorprenderá a moitos e gustará á maioría.

9 de setembro de 2015 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.