publicidade hoxe

Campaña de limpeza simultánea de cauces “Móllate polos Ríos” en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Este domingo 27 de setembro  desenvolverase en 40 concellos de toda Galicia a VIII xornada de limpeza simultánea de ríos “Móllate polos ríos”, impulsada por ADEGA dentro do Proxecto Ríos. Trátase dunha iniciativa de conservación ambiental coa que se busca librar os cauces de entullos e restos contaminantes. En San Sadurniño a limpeza farase nun tramo do río Aceiteiro e xa está aberto o prazo de inscrición chamando ao 687 535 344. Só fai falla levar botas de auga e roupa impermeable por se chove, o resto do material necesario e da loxística de apoio é cousa do Concello. A saída está posta para as 10.00h. de diante da Casa da Cultura.

O río é un ecosistema complexo que cómpre manter nas mellores condicións posibles para un bo desenvolvemento da flora e da fauna. No outono prodúcese un parón biolóxico e por iso é a mellor época para facer tarefas de limpeza e mantemento tanto nas ribeiras como dentro da auga. 

A zona escollida para a limpeza é un tramo do río Aceiteiro, polo que discorre unha das rutas máis fermosas e tamén máis frecuentadas de San Sadurniño. A actividade -aberta a voluntarios e voluntarias de todas as idades- estímase que durará desde as 10.30 até as 13.30h. O punto de encontro fixouse diante da Casa da Cultura a iso das 10 da mañá. 

Aconséllase levar roupa cómoda -impermeable se chove-, botas e luvas. Ademais, tamén se recomenda seguir o protocolo publicado por ADEGA para guiar as limpezas, que deben ser minuciosas pero sen desestabilizar o delicado ecosistema fluvial.

O prazo de inscrición está aberto ata o 25 de setembro chamando ao 687 535 344 . Ademais dunha xornada de limpeza, a convocatoria tamén será unha boa ocasión para facer unha das rutas de sendeirismo máis fermosas de San Sadurniño.

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de ADEGA na que participan entidades de 40  concellos de toda Galicia, ademais de 18 administracións locais -entre elas San Sadurniño-, o ente Augas de Galicia, o Ministerio de Medio Ambiente e o Instituto de Estudos do Territorio.

 

21 de setembro de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.