Camiñando xuntos a Santiago contra o cancro
O próximo día 21 de setembro, parte un grupo de pacientes e voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro de Ourense, que convivirán durante sete días no camiño francés desde O Cebreiro ata Santiago de Compostela.
Un grupo composto por 10 persoas diagnosticadas de cancro a tratamento activo, acompañados de 3 voluntarios e 2 técnicos da aecc Ourense que percorrerán en sete días estas etapas:
Día 21 de setembro: O Cebreiro – Triacastela
Día 22 de setembro: Triacastela – Sarria
Día 23 de setembro: Sarria – Portomarín
Día 24 de setembro: Portomarín – Palas de rei
Día 25 de setembro: Palas de rei – Arzúa
Día 26 de setembro: Arzúa – O Pino (Pedrouzo)
Día 27 de setembro: O Pino (Pedrouzo) – Santiago de Compostela
Un total de 154 kms con motivacións que van desde cumprir un soño pendente desde hai anos, compartir esta experiencia con outras persoas ou como reto persoal. Un camiño cargado de optimismo, compañeirismo e ilusión.
A saída está fixada para o luns 21 de setembro ás 07:00 h. da mañá desde a sede da aecc Ourense na rúa Curros Enríquez, 26 ata O Cebreiro, inicio do camiño e primeira etapa que se levará a cabo ese mesmo día.
A idea xorde do propio grupo, que se coñecen nunha das actividades desenvolvidas pola asociación durante este ano. Desde a AECC de Ourense, coñecedores dese interese individual e grupal por facer o camiño, proporcionóuselles todo o apoio para que a actividade se levase a cabo, así como de encargarnos da súa organización. Son un exemplo de superación e apoio para outras persoas que están a pasar por un diagnóstico oncolóxico.











