Caballero nega con toda contundencia recibir agasallo algún dunha empresa investigada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a negar este luns “con toda contundencia e de forma categórica”, que reciba “agasallo algún” dunha empresa investigada no marco da ‘Operación Patos’, despois de que transcenda que o Ministerio Fiscal pedira a súa imputación na causa que dirixe o Xulgado de Instrución número sete de Vigo.

Tal e como consta no informe do Ministerio Público, o fiscal pide que se tome declaración en calidade de imputado, ademais das cinco persoas detidas en febreiro de 2014, a outro medio centenar de empresarios, funcionarios e políticos, entre os que están o expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e varios dos concelleiros da corporación olívica.

En concreto sobre o rexedor olívico, a Fiscalía xustifica a súa suposta implicación na trama por “recibir da empresa Eiriña como agasallo no ano 2010 un reloxo valorado en 1.750 euros, e en 2009 unha pluma de ouro e prata”.

No entanto, nun conciso comunicado de prensa emitido tras coñecerse a información nos medios de comunicación, Caballero limitouse a “reiterar, con toda contundencia e de forma categórica, que non recibiu agasallo algún desta empresa, e que todas as noticias que ten a este efecto son a través dos medios de comunicación”.

O pasado xoves o rexedor xa manifestara nunha rolda de prensa que era “a primeira noticia” que tiña acerca de ser supostamente agasallado pola empresa Eiriña e, ao ser preguntado en concreto sobre se non recibiu o reloxo, asegurou: “Por suposto que non, claro”.

21 de setembro de 2015 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.