Caballero apoia e recoñece o labor que desenvolve Aspanaex en favor da discapacidade intelectual

Caballero recibe aos representantes de Aspanaex
Abel Caballero recibiu no Concello aos responsables da Asociación en favor de Persoas con Discapacidade Intelectual para presentar a XXXII edición da Marcha Aspanaex que se celebra este domingo día 4 de outubro polas rúas da cidade en favor da entidade.
O rexedor deu a coñecer este mércores o programa de actividades que inclúe a XXXII Marcha Aspanaex, que organiza a Asociación en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual e que pretende concienciar á sociedade sobre os dereitos destas persoas. No acto estivo acompañado de José Manuel Carballo e Beatriz Macías, presidente e directora da entidade.
Abel Caballero recoñeceu “a loita constante de Aspanaex en favor das persoas con discapacidade intelectual e o gran labor que facedes, no que teredes sempre o apoio do alcalde e do goberno da cidade”.
A trixésimo segunda edición da Marcha Aspanaex comeza o domingo 4 de outubro ás 10 da mañá no Parque de Castrelos e prolóngase por distintas rúas da cidade, completando un percorrido de 9 quilómetros de “solidariedade, recoñecemento e dereitos”, en palabras do alcalde. A camiñata pasará por Praza América, Camelias, Venezuela, Gran Vía, Urzáiz, Príncipe, Porta do Sol, Elduayen e Pi i Margall, Praza América e Avenida de Castrelos para regresar ó Auditorio do Parque de Castrelos.











