Bugallo confirma a preocupación ante as dificultades para renovar o PSOE de Santiago
O exalcalde socialista de Santiago Xosé Sánchez Bugallo admitiu a súa “preocupación” polas “dificultades” que está a atravesar o seu partido a nivel local para elixir dirección, un proceso que culminará cunha asemblea este mesmo xoves. “Desexo que se faga o mellor posible e ogallá se fixese cos menores conflitos posibles e co maior grao de unidade interna”, apelou.
Así se expresou ao ser preguntado ao respecto en rolda de prensa sobre as dúas candidaturas que pugnan polas rendas da formación socialista en Compostela, cando existe a dúbida de se a impulsada pola xestora que dirixiu o partido nos últimos meses se rexistrou dentro do prazo establecido.
O tamén deputado no Parlamento galego optou por expresar o seu “absoluto respecto” aos seus compañeiros de militancia e relacionou a situación que se está a vivir cos 30 anos previos de “liderados moi fortes” por parte de Xerardo Estévez, Ceferino Díaz e el mesmo.
“Sempre que hai liderados moi fortes, os procesos de relevo tenden a ser complicados”, observou, e equiparou o que acontece no PSOE da capital galega co estado en que se atopa -citou- a agrupación da Coruña, con Mar Barcón á fronte tras a marcha de Francisco Vázquez.
UNHA SOA CANDIDATURA
Pedida a súa opinión sobre se sería mellor que se presentase unha única lista á asemblea deste xoves, Bugallo recoñeceu que lle faría “ilusión” que así fose e que este fose o resultado dun “acordo amplamente maioritario”.
“A realidade pon de evidencia que iso non foi posible”, lamentou, e agregou que agora ha de ser a militancia a que escolla “democraticamente que é o que máis se identifica coas súas inquietudes e co que quere para o futuro”.
Finalmente, declinou prognosticar se sairá un liderado forte desta votación, posto que iso “nunca se sabe antes”. “Eu tiven que soportar moitas críticas de quen me chamaba Bugallo I El Breve, recordou entre risas, antes de resolver: “a quen gañe deséxolle o mellor e terá toda a colaboración que me pida e eu lle poida prestar”.











