Bueu rexistra récord de visitas con 6.186 turistas en Semana Santa e no verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

A Oficina de Turismo rexistrou durante os catro días de Semana Santa e nos tres meses de verán un total de 6.186 visitantes, o que supón a maior cifra dos tres últimos anos, segundo informan desde a Concellería de Economía e Turismo, dirixida por Silvia Carballo. Estas cifras supoñen unha tendencia á alza, cun aumento fronte ao ano 2014 de 1.548 persoas, e de 3.621 con respecto ao ano 2013. Ademais, tamén se rexistro un aumento do turismo extranxeiro, con 628 persoas, fundamentalmente de procedencia francesa, alemá e holandesa, o que supón un incremento de 123 persoas fronte ás 505 rexistradas no 2014. Unhas cifras que tamén indican que case o 33% dos que nos visitan xa estiveron con anterioridade na vila.

A maioría destes visitantes son familias que acoden a Bueu atraídas polo entorno natural, os recursos naturais e pola tranquilidade e a boa gastronomía que lles ofrece a vila buenense. O 42% deles alóxanse en hoteis e apartamentos e realizan estadías de máis de sete días. Case o 50% dos aloxamentos reverten en Bueu, seguido de Cangas e Sanxenxo, que son tamén municipios nos que se hospedan parte dos visitantes buenenses.

Por idades, un 51% dos visitantes ten entre 35 e 60 anos, sendo maioría. Ademais, dos 6.186 turistas, o 52,9% son mulleres e o 47,09% homes. 

As estatísticas presentadas hoxe como fin da tempada estival tamén recollen os visitantes por transporte, sendo o coche o vehículo máis elixido á hora de visitar Bueu, cun total de 5285 persoas, seguido da caravana con 282 turistas.

Por outro lado, a concellería de Turismo destaca a gran acollida das rutas de sendeirismo realizadas gratuitamente todos os sábados desde xullo, ademais da participación elevada nas visitas guiadas ao Museo Massó, e as rutas pola vila para coñecer a súa historia e orixes. “Cada vez temos un turismo máis desvinculado do mar e da praia, e con moito interese pola gastronomía, a cultura e o deporte”, declarou Silvia Carballo. En vista disto, falamos dun gran ano para o turismo de Bueu, no que tamén se mellorou o funcionamento da Oficina de Turismo. Así mesmo detectouse tamén un turismo moi concienciado do valor cultural do noso pobo desexoso de coñecer historia e tradicións e, sobre todo, de degustar os produtos do noso mar, cuxa fama é a marca que nos precede fóra da comunidade autónoma. Os visitantes tiveron palabras de agradecemento para o Concello pola súa aposta polas variadas actividades culturais, na súa maioría gratuítas. A Ruta das Tapas Mariñeiras, o FICBUEU, a Festa do Polbo, a apertura do Centro de Interpretación de Agrelo e as carreiras deportivas actuaron como revulsivo no aumento de visitantes.

Con estas cifras tan prometedoras, Turismo de Bueu encara o vindeiro ano coa recollida das suxestións recibidas polos visitantes para corrixilas e seguir aumentando en turistas nos vindeiros anos.

Novos horarios da Oficina de Turismo e das aulas de interpretación

A Oficina de Turismo abrirá ata o 30 de setembro de luns a xoves de 12 a 14 e de 17.30 a 20 horas, e de venres a domingo de 12 a 21 horas. E as aulas de interpretación de Cabo Udra e Agrelo tamén terán un novo horario de atención ao público: de venres a domingo de 11 a 20.30 horas.

22 de setembro de 2015 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.