Bueu homenaxea á corporación municipal do 1936

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O vindeiro sábado 5 de setembro, ás 11 horas, o Centro Social do Mar acolle o acto de homenaxe aos membros da corporación de 1936 que foron represaliados á chegada da Guerra Civil.

Este acto de homenaxe foi aprobado no pleno do 25 de agosto de 2012 a petición da Asociación de Amigos Johán Carballeira, e realízase para recuperar a memoria histórica e persoal das persoas que pereceron naquela guerra en circunstancias inxustas. En concreto, en decembro de 1936 celebráronse dous consellos de guerra, nos cales se impuxeron severas penas de mortes contra vinte e seis veciños, entre os que estaban o alcalde José Gómez de la Cueva e varios concelleiros. Ademais, tamén foron paseados cinco veciños cando intentaban fuxir dos calabozos, entre eles dous concelleiros. Os motivos do acordo recordan que foron paseados dous veciños, o tenente alcalde e o tesoureiro municipal cando estaban detidos polos sublevados. Tras estes tráxicos sucesos tírase a conclusión de que os membros da corporación municipal encabezada polo coñecido como Johán Carballeira foron represaliados, de aí a razón deste acto.

Así, neste acto adoptarase o nomeamento de membros honoríficos e predilectos aos concelleiros Francisco Piñeiro Barreiro, Francisco Escáneo Franco, Francisco García Villanueva, José Bernárdez Santaclara e Francisco Padín Novas, membro honorífico e adoptivo (por non ser nado en Bueu) a José Gómez de la Cueva, e membros honoríficos a Ramón González Soliño, Manuel Casleiro Pereira, José Estévez Villar, José Rodríguez Estévez, Ramón Pastoriza Gestido e Manuel Gutiérrez López. Así mesmo haberá un recoñecemento público para o daquela tesoureiro municipal  e amigo de Carballeira, Ricardo Gómez Buceta, do que se lembrará o agravio público ao que foi sometido tanto persoal como laboralmente antes e despois de ser paseado.

No acto estarán parte das familias dos homenaxeados que recollerán un diploma asinado polo alcalde e unha pequena insignia. Ademais, o acto contará coa presenza de dúas poetisas buenenses: Miriam Ferradáns e Lucía Novas, que lerán poemas de Johán Carballeira no acto. 

3 de setembro de 2015 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.