Bueu habilita unha lista para acollida de refuxiados sirios
A corporación acordou hoxe na Xunta de Voceiros de hoxe que o Concello vai habilitar un rexistro para que as familias de Bueu que estean interesadas en acoller a familias ou persoas refuxiadas sirias o poidan facer. As xestións faranse na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) ou nos servizos sociais do Concello. Serán estes departamentos os que, chegado o caso, darán as instrucións e ordes cos pasos a seguir para a acollida.
O Concello buenense súmase así á iniciativa proposta polos concellos de Cangas e Moaña, para tratar de frear o drama polo que están pasando os refuxiados sirios. Os voceiros manifestaron a necesidade de unirse a esta iniciativa de concellos solidarios que están nacendo por toda Galiza e España e que demostran que os cidadáns si están dispostos a colaborar.
Así mesmo, na Xunta de Voceiros, na que estiveron o grupo de goberno, a voceira do PP, Berta Pérez e o de SON, Julio Villanueva, tamén se estableceu que o vindeiro pleno será o xoves 17 de setembro ás 21 horas.
Ademais, o alcalde tamén trasladou aos voceiros as dúas novas ordenanzas municipais que se están ultimando. Unha referente as vodas civís e outra, que supón unha novidade, e que refire aos acollementos civís, o que equivalería a un bautismo laico, pero só como acto cerimonial. Por último, nos vindeiros días se ultimarán a modificación de varias ordenanzas fiscais, sobre o que tamén se informou aos voceiros.











