Bravo Bosch asegura non ter nada que xustificar sobre a Operación Patos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello, María José Bravo Bosch, reiterou que non ten nada que xustificar” en relación á ‘Operación Patos’ e recalcou que non vai facer como outros” poñendo “a man no lume” soa por si mesma, e asegurou estar “orgullosa” da xente coa que traballou na Delegación.

En declaracións aos medios antes de participar nun acto en Vigo, a delegada volveu indicar que todo o que coñece é a través dos medios de comunicación, se ben indicou que chamou todos os que foron vinculados á trama porque entendía que tiña que reunirse “con cada un deles e dicirlles o que había”.

Así, sinalou que lles trasladou que “en absoluto manifestou nada en contra da súa acción e da súa actividade e que non dixo nada nin negativo sobre eles nin dixo xamais nada que lles puidese molestar ou que lles puidese enfadar”.

“Eu non vou facer como outros -dixo en referencia a Abel Caballero- , non vou dicir que eu poño a man no lume só por min porque son unha persoa sumamente honesta, non fago de xuíz con ninguén e creo que teño que dicir que a xente coa que traballei na Delegación son xente que traballan como todos os funcionarios públicos e que se entregan ao seu labor”, remarcou.

Así as cousas, volveu subliñar que na Xunta ela non é “o órgano de contratación” senón que o é a Xefatura Territorial. “Quero dicir con iso que eu non podo entrar en ningunha comisión de valoración, conceder ningunha obra, outorgar nada, sinxelamente porque non teño esa competencia. Teño a competencia única e exclusiva de coordinar”, explicou.

Ademais, en relación ao Casco Vello asegurou estar “aínda máis asombrada”, posto que, como xa dixera en días anteriores, este organismo non deu “unha soa obra, nin un euro” a unha empresa investigada nesta operación, que dirixe o Xulgado de Instrución número sete de Vigo.

REGALOS

Así mesmo, respecto a posibles regalos, Bravo Bosch aseverou que non recibiu “nin un só regalo” nin ten “nada que xustificar”. “Iso está claro e evidentemente espero o mesmo dos meus compañeiros da Delegación”, comentou, antes de recalcar que está “moi tranquila” e non ten “en absoluto temor a que sexa chamada para declarar como imputada, como investigada”.

“O único que fun sempre, e entendo que por iso poidamos estar no medio desta Operación Patos, é unha persoa moi diplomática, moi atenta, moi educada e penso seguir séndoo”, defendeu.

A liña seguido sinalou que esperará a ter documentación, se ben apuntou que lle parece “curioso” que, por “cousas menores que parece que se daban na Xunta” e coas que ela non ten “nada que ver”, “o foco público se puxera sobre todo” sobre a súa persoa. “Non entendo, de propios e de estraños, a condena pública que se nos fixo a moitas persoas”, concluíu.

23 de setembro de 2015 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.