Bertamiráns acolle o “Maratón do debuxante” este sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A praza de Chavián acolle este sábado, a partir das 17:00 horas “O Maratón do debuxante”. A actividade, que organiza o grupo “Art_Difund” en colaboración coas concellarías de Cultura e Educación, e Mocidade e Transparencia, componse dunha serie de estacións que teñen a expresión artística como eixo. É de balde e poden participar todos os mozos e mozas que o desexen, anotándose o mesmo día no que se realiza.

Debuxo, pintura coas mans, cos pés, coa cabeza, serigrafía… O “Maratón do debuxante” consta de dez estacións polas que deberán pasar todos os participantes. En cada unha destas estacións os rapaces e rapazas deberán realizar unha proba baseada nunha actividade artística. Terán que facelo, segundo se indique en cada momento, individualmente ou en grupo.

Segundo a organizadora do evento, Silvia, Capelo: “Todas as probas baséanse na utilización do debuxo como medio de expresión, utilizando a estratexia do xogo como motivación”. Silvia, que é licenciada en Belas Artes, ideou esta actividade para a súa tese doutoral que trata sobre “A educación artística e o emprego do debuxo como medio de expresión, pensamento e acción”. Logo pediu unha subvención a Consellaría de Traballo e Benestar e concedéronlla a través do programa “Iniciativa Xove” da Dirección Xeral de Xuventude.

“Unha vez que conseguín a subvención e formei un equipo “Art Difund” e pensei que Ames, pola súa densidade de poboación xuvenil, era o Concello idóneo para desenvolvela”, manifesta Silvia Capelo, que non quere desvelar demasiado o tipo de probas que se van a desenvolver “para que sexa sorpresa e esa sorpresa axude a abrir mellor as canles de expresión a través do debuxo”.

As concellarías de Cultura e Educación, e Mocidade e Transparencia colaboran nesta iniciativa e animan a todos os mozos e mozas do Concello a que participen.

17 de setembro de 2015 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.