Belén do Campo reúnese co novo alcalde de Boimorto para avanzar na colaboración entre Xunta e concello
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, recibiu no seu despacho ao alcalde de Boimorto, Gonzalo Concheiro, e á primeira tenente de alcalde, María Jesús Novo. Trátase do primeiro encontro desde que o novo rexedor chegara o cargo e que serviu para analizar os distintos proxectos que a Xunta está a desenvolver na vila, así como as necesidades actuais que expuxeron os representantes municipais.
Neste senso, tanto a responsable autonómica como o local acordaron as principais liñas de actuación no municipio en ámbitos tan diversos como o educativo, onde se seguirá a traballar para mellorar as instalacións do colexio público integrado (CPI) Armando Cotarelo Valledor tanto por parte do Executivo autonómico, que o vindeiro curso asumirá a reforma dos baños exteriores, como desde o goberno local, que prevé levar a cabo o pintado integral do centro. A representante da Xunta na provincia e o primeiro edil tamén fixeron fincapé na necesidade de colaborar para seguir a potenciar o Camiño do Norte, que atravesa o concello, con actuacións como a adecuación do entorno do albergue de peregrinos ou a mellora da sinalización, así como incrementar a participación na organización do Festival da Luz.
Desta forma, a delegada territorial trasladou ao rexedor de Boimorto “todo o diálogo e colaboración”, así como o apoio da Xunta, co fin de obter a cooperación necesaria coa administración local para dar resposta ás demandas das veciñas e veciños.