publicidade hoxe

Beade mellorará o abastecemento de auga cunha axuda do Fondo de compensación ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBeade
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, asinou hoxe un convenio de colaboración co alcalde de Beade, Senén Pousa, para executar o proxecto de mellora do servizo de abastecemento de augas de Beade-Regadas, ao abeiro do Fondo de compensación ambiental.

A actuación contará cunha achega de 30.000 euros e ten por obxecto a realización de obras para mellorar a rede de abastecemento, acadar novos mananciais que permitan unha redución do consumo eléctrico e dotar doutra bomba de bombeo a ETAP existente.

Rogelio Martínez explicou que o Fondo, que procede do canon eólico, beneficia dende hai xa seis anos aos concellos galegos que teñen explotacións eólicas, e a seus cidadáns, xa que subvencionan investimentos relacionados coa mellora do entorno e a conservación do medio ambiente. Ademais, o Fondo contribúe ao reequilibrio territorial, xa que a meirande parte dos beneficiarios son concellos do interior e pequenos, como é o caso de Beade.

Os concellos galegos ao abeiro destas axudas están a subvencionar múltiples iniciativas, como mellora do saneamento e depuración de augas residuais, melloras no abastecemento da subministración de auga potable, eficiencia enerxética, recuperación de espazos naturais ou dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, entre outras moitas actuacións.

En total, en Ourense este Fondo destinou máis de 1,3 millóns de euros das liñas de concorrencia competitiva e non competitiva.

2 de setembro de 2015 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.