Baltar recibe a representantes institucionais e empresariais do estado mexicano de Coahuila

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Baltar na reunión cos representantes mexicanos

Baltar na reunión cos representantes mexicanos

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a representantes institucionais e empresariais do estado mexicano de Coahuila, quen estes días se atopan de visita en Ourense no marco da feira internacional de termalismo “Termatalia”.

A misión institucional e empresarial, encabezada polo subsecretario de Turismo de Coahuila, Luis Alfonso Rodríguez Garza, expúxolle ao presidente do goberno provincial as potencialidades deste importante estado de México, próximo á fronteira con Estados Unidos e máis concretamente ao estado de Texas, e que conta cunha importante industria nos ámbitos automobilístico e da alimentación, dos que son líderes, e tamén no sector termal. Manuel Baltar expresoulles a intención de explorar liñas de colaboración entre a provincia de Ourense e Coahuila, en especial no que atinxe ao termalismo, e expresoulles a intención da Deputación de seguir proxectando internacionalmente a “Marca Ourense” con elementos tan singulares como son a nosa riqueza termal e natural, aproveitando tamén que o vindeiro ano a feira “Termatalia” organízase precisamente en Coahuila.

Na xuntanza, na que tamén participou o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, estiveron presentes o director administrativo da Secretaria de Desenvolvemento Económico de Coahuila, Enrique Díaz de León; o director Atención Turística, José Carlos Riojas Morales, e o director técnico da Secretaria de Competitividade e Turismo deste estado mexicano, Enrique Rodríguez Cárdenas.

23 de setembro de 2015 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.