Baltar inaugura o curso académico 2015-2015 da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Manuel Baltar na inauguración do curso
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe no acto inaugural do curso académico 2015-2016 da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense, onde destacou diante dun cento de estudantes a importancia “de coñecer, formarse e innovar, pero tamén de crer firmemente nas posibilidades que temos e nas oportunidades que temos ao noso arredor”. No acto tamén participaron o vicerreitor Virxilio Rodríguez; a decana de Empresariais e Turismo, Elena Ribo; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; os presidentes da CEO e da Cámara de Comercio de Ourense, José Manuel Pérez Canal, e Juan Carlos Parada, e o consultor e experto en Turismo Doménec Biosca.
O presidente do goberno provincial remarcou a necesidade “dunha visión global e cooperadora” para anticiparnos aos cambios e impulsar proxectos empresariais e turísticos na nosa provincia”, porque –engadiu- “a universidade non é só unha fábrica de coñecemento senón que temos que facer valer no seu ámbito as nosas potencialidades e, con entusiasmo, crer nas nosas posibilidades individuais e colectivas”.
Na súa intervención, o presidente provincial tamén subliñou a importancia da cooperación entre a Deputación e o Campus de Ourense, “unha colaboración que destaca nos eidos do termalismo e do turismo, coa nosa riqueza termal e coa nosa Ribeira Sacra como grandes exemplos, singularidades que sen dúbida se verán potenciadas coa chegada do AVE en 2018, que será unha panca de impulso para o futuro da provincia de Ourense”.











