Baltar e Francisco Marín visitan as obras da ponte sobre o río Airoa
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), visitaron esta mañá as obras de construción da ponte sobre o río Airoa no Concello dos Blancos. Os traballos da obra consistiron na construción dun paso sobre o río Airoa para dar continuidade á estrada municipal que une as poboacións dos Blancos e Nóveas, debido ao mal estado no que se atopaba a infraestrutura polas continuas crecidas do caudal, que afectou á seguridade estrutural do mesmo, ademais de dificultar o seu tránsito polas gretas que presentaba a vía. Desta maneira, construíuse un novo pontón sobre o río na confluencia deste coa estrada municipal, adaptado ás características de desaugadoiro establecidas no plan hidrolóxico.
Este proxecto de reconstrución da ponte no municipio dos Blancos foi financiado por ambas entidades que achegaron cada unha delas o 50% do importe total da obra, que ascendeu a 116.900 euros. Con esta actuación dáse continuidade a unha vía pública que facilita o paso entre os veciños e veciñas dos Blancos e de Nóveas que actualmente non podían empregar esta infraestrutura debido as condicións que presentaba.