Augas de Galicia sinala ao Concello de Pontevedra como o responsable do saneamento do río Gafos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Executar o colector do río Gafos é unha responsabilidade do Concello de Pontevedra no marco das súas competencias en materia de saneamento e depuración. Augas de Galicia asumiu o compromiso de execución desta obra no marco dun acordo de colaboración co Concello.

A Xunta lembra que o proxecto de saneamento do río Gafos foi supervisado e aprobado por Augas de Galicia, de tal modo que conta co visto bo deste organismo. Polo tanto, Augas de Galicia ten cumprido os termos do convenio asinado con Pontevedra, manifestando deste modo a súa vontade de executar esta obra.

O problema que imposibilitou a súa execución e derivou na necesidade de resolver o convenio non foi debido a deficiencias no proxecto, senón a que o Concello de Pontevedra non aportou a documentación necesaria para a licitación e non foi quen de poñer a disposición os terreos necesarios para executar as obras proxectadas por eles mesmos. Augas de Galicia reiterou a petición desa documentación en varias ocasións, sen resposta por parte do Concello.

Como os fondos cos que se executan estas obras obrigan a que estean totalmente rematadas a finais de 2015, Augas de Galicia, para poder levar a cabo unha xestión responsable dos fondos que ten asignados, veuse na obriga de resolver o convenio. 

En todo caso, Augas de Galicia segue aberta a futuras colaboracións co Concello de Pontevedra, sempre que se cumpran os compromisos que se adquiran.

1 de setembro de 2015 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.