Augas de Galicia sinala ao Concello de Ferrol como o responsable da posta a punto da depuradora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

As obrigas do concello de Ferrol, en virtude do convenio asinado con Augas de Galicia, son: xestionar e explotar o sistema de saneamento e depuración de Ferrol, asumir os gastos derivados da conservación e do mantemento, e costear os gastos de posta a punto, arranque e mantemento do sistema de saneamento e depuración. A comunicación das dificultades no desenvolvemento destas obrigas non exime ao concello das súas responsabilidades, entre elas, a posta a punto de todas as instalacións de depuración para o seu correcto funcionamento.

O concello de Ferrol, a través da súa empresa municipal EMAFESA, presidida polo alcalde comunicou informalmente a Augas de Galicia, en xullo deste ano, que existían filtracións que estaban limitando a posta en marcha de novos procesos de depuración.  Polo tanto, o primeiro en coñecer as filtracións foi o Concello.

Como as obras foron executadas e recibidas pola Confederación Hidrográfica Miño Sil, non por Augas de Galicia, a existencia destas filtracións foi posta en coñecemento da Confederación a principios de agosto.

Enterados polas declaracións do presidente de Emafesa de que as instalacións de saneamento que ten a responsabilidade de poñer a punto, explotar e manter non estaban funcionando adecuadamente e de que a posta en marcha podería non estar sendo nestes momentos acorde ao previsto inicialmente, onte mesmo Augas de Galicia solicitou información destes aspectos a Emafesa e realizou unha visita de inspección á EDAR de Cabo Prioriño. A día de hoxe non se ten constancia de contestación por parte de Emafesa. No momento da visita estaban funcionando os procesos de desbaste, de desarenado e desengraxado e o emisario submarino; a planta xa tiña subministro eléctrico, sen que houbera limitacións deste tipo.

2 de setembro de 2015 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.