Asígnanse as 132 vivendas de promoción pública construídas no polígono de Valdecorvos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) realizou hoxe o sorteo de asignación de 132 vivendas de promoción pública no polígono de Valdecorvos (Pontevedra). Neste sorteo asignouse a cada adxudicatario unha vivenda en concreto.

O sorteo realizouse por cupos en función do número de dormitorios de cada vivenda e a composición familiar dos demandantes. Hai tres cupos para as vivendas de un, dous e tres dormitorios, así como un cuarto cupo para as vivendas adaptadas para o seu uso por persoas con mobilidade reducida (seis vivendas de tres dormitorios).

Unha vez realizado o sorteo de asignación de vivenda, o IGVS elaborará os estudos económicos personalizados, de maneira que cada adxudicatario paga un prezo diferente en función das características da vivenda e dos ingresos familiares, ponderados segundo o número de membros que compoñen a unidade familiar ou de convivencia. Se os ingresos familiares ponderados son inferiores a 1,5 veces o Iprem (o indicador público de renda de efectos múltiples) a adxudicación realízase obrigatoriamente en réxime de alugueiro, mentres que para ingresos entre 1,5 e 2,5 veces Iprem a adxudicación é en réxime de compravenda, inda que coa posibilidade de pasar a alugueiro se así o solicita o adxudicatario.

Unha vez se dispoña de todos os estudos económicos, cada adxudicatario será invitado polo IGVS a coñecer a súa futura vivenda e as condicións da adxudicación, como paso previo á entrega de chaves.

As construción das vivendas de Valdecorvos está xa rematada e solicitada a licenza municipal de primeira ocupación, requisito imprescindible para a súa entrega aos adxudicatarios. As vivendas contan coa seguinte composición:

1 dormitorio: 24 vivendas
2 dormitorios: 66 vivendas
3 dormitorios: 36 vivendas.
3 dormitorios, adaptadas: 6 vivendas

Todas contan con salón-comedor, cociña, baños, praza de garaxe e rocho.

O investimento total na construción destas 132 vivendas achégase aos 14 millóns de euros.

18 de setembro de 2015 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.