As xornadas da Deputación de Pontevedra sobre mobilidade e espazos públicos traen á cidade do Lérez a máis de 80 políticos e técnicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

As xornadas de mobilidade e espazos públicos organizadas pola Deputación de Pontevedra que se desenvolverán mañá no Museo provincial traerán á cidade a máis de 80 políticos, técnicos locais e profesionais de toda Galicia para coñecer de primeira man experiencias sobre mobilidade sustentable e segura e as consecuencias da súa aplicación práctica co “modelo Pontevedra” como referencia.

Entre os asistentes están os alcaldes da Cañiza, Covelo, Marín, Mondariz- Balneario, Nigrán, Pazos de Borbén, Portas e Tomiño, ademais de concelleiros, arquitectos e enxeñeiros municipais, o que demostra o grande interese pola materia nos concellos de toda a provincia. De feito, o número de participantes ás xornadas de mañá no Museo case duplica os do Foro de Movilidad Sostenible de Zaragoza que tivo lugar o 17 e 18 deste mes, no que se expuxeron os modelos de cidade de Vitoria, Friburgo e Copenhague.

A frase “todos somos peóns a maior parte da nosa vida” é unha reflexión do doutor en Xeografía e experto en espazo público e mobilidade sustentable e segura, Pau Avellaneda, que participará mañá nas xornadas pero que será tamén o eixe común das conferencias dos outros dous relatores, o xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, e o asesor provincial Jesús Fole. Os tres protagonistas das xornadas falarán da filosofía das “slow cities” e da necesidade de retornar a un ritmo vital que poña as persoas e o seu benestar no centro da planificación urbanística e de mobilidade.

As xornadas foron organizadas polo departamento de Infraestruturas provincial, dirixido polo nacionalista Uxío Benítez, que pretende facer da mobilidade sustentable e segura un dos eixes prioritarios das actuacións urbanísticas dos concellos da provincia neste mandato. Por iso, e con motivo do Día Europeo da Mobilidade, a Deputación convidou a todos os responsables políticos e técnicos de toda Galicia. “Os coches non son os únicos usuarios das vías. Hai un cambio na sensibilidade xeral e dende a Deputación primarase a mobilidade peonil e a seguranza viaria para os peóns á hora de executar proxectos e actuacións e de asesorar os concellos”, indicou Benítez.

22 de setembro de 2015 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.