As usuarias do CIM de Vilagarcía participan en clases de biodanza e arteterapia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Centro de Información á Muller (CIM) de Vilagarcía ofrece este outono ás súas usuarias a posibilidade de asistir a clases de biodanza e arteterapia. Estas actividades enmárcanse no programa de recuperación persoal que o centro dependente da Área de Igualdade organiza para favorecer a mellora da calidade de vida das mulleres que acoden ao servizo.

O CIM aposta dende hai tempo pola aplicación deste tipo de actividades terapéuticas alternativas. De feito, o obradoiro de arteterapia vénse celebrando dende hai anos baixo o título de Arte e Saúde, cunha valoración moi positiva por parte das mulleres que participaron nel. Tratase dunha disciplina que utiliza as artes plásticas (pintura, modelaxe..) e audiovisuais (fotografía, vídeo) como medio para favorecer a comunicación e facilitar a exteriorización das emocións internas. A través das distintas expresións artísticas, as mulleres poden traballar a capacidade de reflexión, expresión e desenvolvemento persoal, mellorando así a súa saúde física e mental e o benestar emocional e social.

Nas sesións de arteterapia participarán 17 usuarias do CIM que asistirán dúas sesións semanais durante dous meses.

O obradoiro de biodanza é a primeira vez que se imparte a través do CIM. Esta disciplina utiliza os sentimentos que provocan a música e o movemento corporal para afondar na conciencia do individuo. Favorece a expresión das emocións e o auto coñecemento e xera sensacións de benestar.

Quince mulleres participan nesta actividade que consistirá nunha sesión semanal durante dous meses.

10 de setembro de 2015 | 12:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.