publicidade hoxe

As Travesas érguese como exemplo de aproveitamento do patrimonio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

O Alcalde de Carral Jose Luis Rodríguez Mariño, deu o luns a benvida aos 14 participantes británicos e franceses ao campamento internacional de traballo no Castro das Travesas. O programa, organizado co apoio de Tesouros de Galicia, ten por obxectivo a limpeza da contorna do castro máis grande da provincia da Coruña, dentro dun proxecto trianual que nos próximos anos avanzará nas tarefas de excavación.

O proxecto está dirixido polo arqueólogo Antón Malde, que acredita unha longa experiencia en diferentes excavacións. En concreto, no caso das Travesas foi responsable dos primeiros traballos de excavación, nos que atopou restos que ratifican a importancia especial deste asentamento. Ademáis do seu tamaño, estímase que estivo pobodado durante uns mil anos (dende o 500 A.C. ata o 500 D.C), e os achádegos demostraron que foi un punto de comunicación estratéxico. Non só a nivel galego, senón como referencia nas comunicacións coas illas británicas. Na Casa da Cultura pódese ver un anel feito hai mil anos no norte de Inglaterra, algunas moedas romanas usada nas illas, así como restos de lanzas, vasijas e outros indicios de importancia.     

O programa acadou o interese de participantes británicos e franceses, membros da rede dos National Trust á que pertence Tesouros de Galicia. O atractivo da iniciativa ven ratificado polo grande interese dos participantes voluntarios, que aportan non só o seu traballo, senón tamén pagan os seus gastos de desprazamento e unha matrícula. O resto dos custos son cofinanciados polo Concello de Carral, que deste xeito fai unha difusión internacional deste recurso patrimonial.

3 de setembro de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.