As melloras de Vistalegre inclúen catorce novas luminarias, xardineiras e bancos
A adxudicación das obras de urbanización da rúa Vistalegre e do campo de fútbol de Faxilde supuxeron varias melloras sobre os proxectos inicialmente subhastados. Así, no caso de Vistalegre, na contorna dunha zona monumental, a empresa adxudicataria -Construcciones Vale, SL, por 195.393,18 euros máis IVE- comprométese a instalar seis columnas de iluminación feitas en aceiro cortén ademais doutras oito luminarias máis funcionais e de led. Por outra banda, a empresa instalará catro xardineiras e dous bandos e realizará a canalización subterránea da rede eléctrica do alumado público, ademais de dotar de canlóns e reixas de fundición a todo o tramo no que se vai actuar para a recollida das augas pluviais.
A dotación de herba artificial ao campo de fútbol de Faxilde, adxudicada en 257.567 € máis IVE á empresa Sergonsa Servicios, SL, tamén inclúe melloras. Neste caso, a instalación dun marcador eléctrico tipo led e exterior cunhas medias de 280x187x15 centímetros, a execución e legalización da instalación eléctrica que sexa necesario realizar no campo, e o mantemento integral do terreo de xogo -incluído o sistema de rego- durante 24 meses. Por esta mesma razón, a empresa ampliou en 12 meses o prazo de garantía previsto no prego de licitación.
Ambas empresas xa foron requiridas para que presenten a documentación final para proceder á adxudicación definitiva das obras, que se confía en que comecen en moi breve prazo de tempo.











