As instalacións municipais de Lalín acolleron durante este verán a 673 peregrinos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

As instalacións municipais de Lalín acolleron un total de 673 peregrinos durante este verán. Estas persoas foron albergadas nas dependencias do pavillón municipal, que conta co espazo axeitado para que grupos numerosos poidan pasar a noite no seu traxecto a Compostela.

O mes no que máis peregrinos chegaron a Lalín foi o de xullo, cun total de 545 persoas acollidas en dependencias municipais. Foi neste mes tamén no que chegaron os grupos máis numerosos, entre eles un de 70 peregrinos que formaban parte da Cofradía Santiago Apostol, de Ponferrada.

Durante os últimos días de xuño, coincidindo co inicio do verán, utilizaron as dependencias do pavillón municipal 69 persoas, mentres que en agosto o número caeu ata as 59. De todas formas, o ritmo de peregrinos estase a manter durante os primeiros días do mes de setembro, no que xa se albergou a un grupo de 25 peregrinos procedentes de Portugal. 

Os peregrinos que fan o Camiño de Santiago ao seu paso polo concello de Lalín son acollidos xeralmente nas instalacións do pavillón municipal, xa que son as que se atopan nun lugar máis céntrico e máis accesible dende o camiño de Santiago. 

Canto as instalacións da Laxe, que son da Xunta de Galicia pero que contan con persoal municipal, durante este verán pernoctaron alí un total de 887 persoas. En xuño foron 311, en xullo 251 e en agosto a cifra elevouse a 325, que foi o mes no que chegou o maior número de peregrinos ás dependencias da Laxe, non só do verán senón de todo o que vai de ano. 

Precisamente un dos grandes obxectivos do Goberno municipal para este mandato é potenciar os camiños de Santiago ao seu paso por Lalín. O executivo está a traballar de cara os próximos meses co obxectivo é promocionar e mellorar a afluencia de peregrinos na Vía da Prata e darlle un impulso ao Camiño de Inverno.

Outra das intencións do Goberno é habilitar un novo albergue para peregrinos no centro de Lalín, un proxecto que se porá en marcha en canto sexa posible tendo en conta que agora mesmo as políticas sociais van marcar as prioridades do equipo que dirixe Rafael Cuíña.

3 de setembro de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.