publicidade hoxe

As ilustracións de Joana Costa expóñense na biblioteca municipal da Arzúa a partir do mércores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para este mes unha exposición de ilustración na biblioteca municipal Rosalía de Castro. A mostra titulada ‘Traço a traço’ é un traballo da  ilustradora portuguesa Joana Costa. Licenciada en Artes Plásticas na Facultade de Belas Artes de Porto está a desenvolver actualmente o seu proxecto de Doutorado en Ilustración e Animación en Barcelos.

Joana participou en varias exposicións artísticas individuais como ‘Tudo Isso’ na Facultade de Belas Artes de Porto e ‘Despacho’ na Biblioteca Almeida Garrett de Porto, ambas no 2012. A ilustradora formou parte de numerosas mostras colectivas entre as que destacan ‘Exposición de Fotografía e Artesanato’ en Vila Nova de Gaia no ano 2012 e ‘Call for cats’ na Escola Superior de Ciencias da Saúde na Universidade do Minho en Braga no 2015.

Ten participado, tamén, en diversos concursos presentando os traballos ‘Fast Forward’ para o festival de cine de Guimaraes no 2011 e ‘Sardinhas’ para as Festas de Lisboa 2015. Ademais, formou parte do concurso de carteis anunciadores da Festa do Queixo da Arzúa nas edicións do 2011 e 2013 na que acadou o cuarto premio por votación popular.

Finalmente, cabe salientar o seu papel como ilustadora do libro infantil ‘Gabriel, o galo cantor’, publicado recentemente.

Con este amplo curriculum a artista chega a Arzúa cunha exposición na que repasa varios dos seus traballos, diferenciados por temáticas como ilustracións do conto de Eça de Queiroz ou ilustracións musicais.

A mostra permanecerá aberta ao público na Biblioteca Municipal entre os días 16 ao 26 de setembro. O horario de apertura será, polas mañás,  das 10:00 ás 13:00 horas e polas tardes, das 16:00 ás 20:00 horas, de luns a venres. Os veciños e veciñas de Arzúa tamén terán a oportunidade de visitala os sábados, entre as 10:00 ás 13:00 horas.

14 de setembro de 2015 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.