As exportacións galegas a Corea do Sur medraron un 60% nos dous últimos anos
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, inaugurou hoxe a xornada “Oportunidades Económicas entre Galicia e Corea”, que reuniu en Santiago, xunto a empresas e clústers galegos, a unha delegación coreana encabezada polo embaixador en España Hee-Kwon Park. Neste marco, Conde salientou as oportunidades de negocio que ofrece o país asiático para as empresas galegas, e que xa se está a materializar no incremento do ritmo exportador, cun incremento do 60% nos dous últimos anos ata acadar os 60 millóns.
Estas cifras están a ter continuidade durante este exercicio, acadándose desde xaneiro un volume de exportacións de 56 millóns. “Trátase dunha relación moi frutífera que está a medrar tamén desde o punto de vista empresarial, cun incremento anual do 10% no número de empresas que exportan”.
Deste xeito, Corea do Sur configúrase como un mercado de enormes potencialidades que está a contribuír á boa marcha das exportacións galegas, que suman tamén un 4% de incremento nos seis primeiros meses do ano sobre o mesmo período do 2014, exercicio no que Galicia obtivo o seu segundo mellor resultado histórico. Un bo comportamento se debe ao esforzo das compañías galegas conta co respaldo do Goberno galego a través da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que aspira a incrementar as exportacións en máis dun 25% neste período.
Todos estes rexistros, subliñou o conselleiro, amosan importantes posibilidades de cooperación para desenvolver proxectos conxuntos co obxectivo de seguir a reforzar os intercambios comerciais. Corea do Sur, salientou Conde, é un dos países asiáticos é un dos países asiáticos con mellores perspectivas económicas grazas a unha posición xeoestratéxica próxima a outros mercados como Japón ou China. Deste xeito, e grazas ao diálogo mantido coa delegación coreana, téñense identificado posibilidades de cooperación de cara a desenvolver proxectos conxuntos en catro sectores prioritarios: automoción, TIC, acuicultura e agroalimentario
Neste sentido, o embaixador coreano, Hee-Kwon Park, salientou as posibilidades desta relación, pondo como exemplo a acuicultura, na que “Galicia conta con tecnoloxía moi avanzada nalgunhas especies, e Corea noutras”, podéndose obter uns resultados moi importantes da cooperación.











