As empresas de AJE Ourense xeran un volume de negocio de 21 millóns de euros
As empresas que forman parte da Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense constitúen unha importante achega ao desenvolvemento económico da provincia. Traducido en datos, o case centenar de firmas de AJE Ourense suman un volume de negocio de 21 millóns de euros e empregan a 195 persoas. Ademais, os seus produtos e servizos, procedentes de multitude de sectores, están presentes en 20 países de varios continentes. A través destes datos, a directiva da asociación quere, por unha banda, destacar a enorme importancia dos negocios que pon en marcha os mozos emprendedores e, por outro, chamar a atención á administración, entidades e sociedade en xeral da necesidade de apoiar e fortalecer estas iniciativas cando xorden.
Así o subliñaban esta mañá en rolda de prensa representantes da Asociación co presidente, Lois Babarro, á cabeza. Babarro Alén resaltaba a “necesidade de pór en cifras todo o que fan os novos empresarios que representa a asociación para valorar ese esforzo” e engadía que AJE Ourense duplicou o seu número de membros no último ano. A cita foi aproveitada para dar tamén o pistoletazo de saída á cuarta convocatoria dos Premios AJE Ourense ao Xoven Empresario e Emprendedor 2015, que recoñecen iniciativas, proxectos e traxectorias dentro da provincia postas en marcha por empresarios noveis. Lois Babarro comentou respecto diso que poderán participar todas aquelas empresas interesadas a través do mail info@ajeourense.com, dirección á que deben enviar unha memoria técnica ou dossier cos seus méritos, o proxecto ou a actividade desenvolvida para que sexa valorada por unha comisión.
Novembro será o mes no que se coñecerán estes premios, que incluirán unha mención especial, do mesmo xeito que o ano anterior, ao Mentor que coas súas accións apoia ao colectivo de novos empresarios e, como novidade, destacarán a unha ONG coa que vincularán as súas actividades durante o ano 2016, do mesmo xeito que este ano fixeron co Banco de Alimentos. O outono vén cargado de actividades organizadas por AJE Ourense, como unha visita ao Congreso dos Deputados o próximo 20 de outubro, onde serán recibidos polo seu presidente e reuniranse con autoridades.
Comunicación corporativa e almorzo de negocios
Entre as actividades da axenda de AJE Ourense para a recta final do ano está a de retomar os almorzos de negocios iniciados fai xa case dous anos, nos que novos empresarios comparten experiencias e inquietudes con personalidades de distintos ámbitos. O próximo invitado será o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Outra autoridade, esta vez no ámbito da comunicación, Manuel Campo Vidal, serei o protagonista dun curso sobre Comunicación Corporativa que terá lugar o 6 de novembro, e no que participarán 20 novos empresarios.











