As brigadas provinciais de estradas atenderon unha ducia de emerxencias por mor do temporal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

As brigadas provinciais de estradas atenderon un total de 11 emerxencias que se produciron durante a xornada do martes e a madrugada do mércores, por mor da cicloxénese que afectou ás provincias de Pontevedra e A Coruña.  A maioría destas actuacións foron debidas á caída de árbores e producíronse en estradas dependentes da Deputación en concellos da zona Sur e Centro.

O deputado de Infraestruturas, Uxío Benítez, recoñeceu “a importante labor que realizan os servizos provinciais de atención de emerxencias e as brigadas, que traballan 24 horas ao días 365 días ao ano para resolver coa máxima dilixencia as incidencias que se producen cada vez que hai unha alerta”.  No que vai de ano téñense rexistrados arredor de 250 partes de actuación nas vías provinciais ben por inclemencias metereolóxicas, por accidentes, ou por outro tipo de requerimentos (anegamentos, neve, animais…).

Na zona Sur, as brigadas da Deputación retiraron árbores caídas na estrada Franqueira-Lamosa, no Concello de O Covelo; na estrada Areas-Alxán-Cabreira, no Concello de Ponteareas; na de Oia-Torroña, en Oia; na de Ponteareas-As Neves, en Salvaterra do Miño, na de Amoedo-Os Valos, en Pazos de Borbén, e na estrada A Cañiza-Pousa e na de A Cañiza-Arbo, ambas na Cañiza. Mentres, no Concello de Soutomaior,  tiveron que acudir a un aviso da Policía Local por mor dunha inundación de auga na estrada Cesantes-Viso-Alxán.

Na zona Centro, as brigadas provinciais retiraron sendas árbores na estrada Meira-Fraga, no Concello de Moaña, e na estrada Igrexa de Cela-Outeiro-Bueu, no Concello de Bueu.

Meteogalicia decretara alerta laranxa por chuvias e alerta amarela por ventos para a provincia de Pontevedra a partires das nove da mañá do martes. A primeira emerxencia atendida polas brigadas provinciais de estradas foilles remitida desde o servizo 112 ao fío das once da mañá, e a maioría das incidencias concentráronse nas horas da tarde, se ben na madrugada tamén se atenderon dous avisos máis.

As emerxencias que chegan ao servizo de control e vixilancia da Deputación de Pontevedra son comunicadas a través da Policía Local do concello afectado, da Guardia Civil, de alcaldes, concelleiros ou de calquera veciño, incluído tamén o servizo 112, que activa un protocolo de actuación propio.

Unha vez recollida a información polo departamento correspondente da Deputación (nome da estrada, punto quilométrico e causa da incidencia), esta transmítese á brigada provincial máis próxima das oito que están repartidas pola provincia. Hai tres na zona Norte con bases situadas en Lalín e Codeseda; tres na zona Centro con base en Pontevedra, e dúas na zona Sur, ubicadas en Gondomar e Ponteareas. Sempre hai brigadas en cada un dos centros operativos dispostas a saír. No caso de que haxa algunha alerta, como o caso dos temporais ou os incendios, sempre se mantén outra brigada en retén. 

16 de setembro de 2015 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.