As augas de Portonovo foron escenario do Campionato Galego de Vela RC

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSanxenxo
A-
A+

Nas augas de Portonovo realizouse este sábado día 5 de Setembro o Campionato Galego de Vela RC 2015, de carácter aberto, inscribíndose 12 patróns entre galegos, portugueses e unha embarcación vasca. Tras un atraso de máis dunha hora por condicións de vento, ao ser inexistente á primeira hora e con roles impracticables deuse a primeira saída ás 12:20 con vento do Noroeste, con 5 a 6 nós, o que facía que desde a cabeza do pantalán nº1 do CN de Portonovo se puidese ver o campo perpendicular, co que todos os participantes terían a visibilidade completa do percorrido sen necesidade de molestarse entre eles.

A pesar deste atraso, e a partir de dar comezo a primeira proba, o vento portouse, aumentando, até chegar a última hora da mañá a uns 10 nós, o que levou á organización a poder realizar 9 probas durante a mañá. Tempo moi ben aproveitado, xa que as tripulacións apenas pediron os seus 2 minutos de respecto para efectuar reparacións antes de volver saír, ademais, destacar o respecto entre regatistas a cumprir co regulamento de Regatas, recoñecendo as infraccións e respondendo enseguida con autopenalizacións con tan só unha protesta que se deixou para o final da mañá para aproveitar o tempo, isto e un campo non moi grande foi o que fixo dinámico todo o campionato.

A mañá foi moi rifada entre as tripulacións de cabeza, botouse de menos ao aspirante a gañar este campionato José Pablo Rivas do Club Moaña Mar e na súa ausencia, o Vasco Ramón Goñi e Tomás Pérez rivalizaron unha mañá que tras estas 9 probas acabaron empatados a 10 puntos cando xa se efectuaban 2 descartes na clasificación, seguidos do veciño portugués Fernando Larceda, Francisco Puga e André Ferreira.

A tarde comezou con 15 minutos de atraso, neste caso os patróns relaxábanse ao levar unha mañá bastante completa e que o vento prometía. Do mesmo compoñente, pero agora con aumento até momentos de 15 nós en refachos que facían rolar 30 graos cara á dereita do campo, este aumento de vento colleu aos patróns co equipo de velas nº1, o que levou a máis roturas que pola mañá e polo tanto a máis falta de embarcacións nalgunhas saídas.

Realizáronse 11 probas pola tarde, que coas da mañá fan un total de 20 probas neste Campionato, a destacar tamén os tropezos involuntarios do cangués Tomás Pérez que abordado en varias ocasións, tendo “dereito de paso” e até quedando enganchado nalgunha baliza, non por iso cedeu un merecido segundo posto tras, unha boa actuación de Ramón Goñi que podía facerse con 6 primeiros das 11 probas da tarde.

A clasificación do Campionato aberto queda primeiro Ramón Goñi do País Vasco con 24 puntos, seguido de Tomás Pérez de Cangas con 29 e de Francico Puga do Liceo Maritimo Bouzas con 57 puntos, Fernando Larceda de Portugal con 65 e terceiro galego e 5º na xeral Juan Somoza do Nautico de Boiro con 98 puntos seguido de Luís Felipe de R. C. Nautico Sanxenxo con 119.

Obtendo a placa de Campión Galego 2015 de Vela RC Tomás Pérez González do Real Club Nautico Rodeira de Cangas co seu novo Xarda Evolution.

9 de setembro de 2015 | 11:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.