As actividades do FICBUEU 2015 arrancarán cunha charla sobre cine e literatura
As actividades do 8º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, organizado polo Concello, arrancan este domingo cunha conferencia arredor das relacións entre cinema e literatura e mais coa proxección en Cangas de cintas premiadas en anteriores edicións. A charla co profesor e investigador Salvador Castro dará comezo ás 12 horas no Centro Social do Mar baixo o título ‘Cine e literatura, sempre é mellor o libro?’.
A sesión centrarase nas semellanzas e diferenzas entre esta dúas artes, así como nas mutuas influencias, pois os narradores aproveitan as técnicas do cinema e os filmes nútrense das historias e procedementos literarios. Salvador Castro, que vén de presentar a tese ‘Manuel Rivas e o cine’, manterá unha conversa cos asistentes que se acompañará co visionado de fragmentos de películas de mestres coma John Ford, Hitchcock, Orson Welles ou Woody Allen.
‘O Morrazo en curto’
Este domingo ás 21 horas proxectaranse asemade no Auditorio de Cangas seis cintas premiadas en anteriores edicións do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. As Concellerías de Cultura de ambos os dous municipios colaboran na organización desta actividade que, baixo o título ‘O Morrazo en curto’, se desenvolverá con entrada de balde na xornada previa ao comezo das proxeccións do FICBUEU 2015.
En concreto, visionaranse os filmes laureados co primeiro premio e co premio do público na quinta, sexta e sétima edicións do festival. No ano 2012 foron, respectivamente, a francesa ‘L’Accordeur’ (‘O Afinador’), de Olivier Treiner, e a alemá ‘Suiker’ (‘Azucre’), dirixida por Jeroen Annokkeé. En 2013 gañou a fita ‘Jymjyrt’ (‘Silencio’), chegada de Kirguistán e dirixida por Nargiza Mamatkulova, canda a comedia estadounidense ‘Penny dreadful’ (‘Penny a terrible’), de Shane Atkinson. No FICBUEU 2014 resultaron galardoadas a produción francesa ‘La lampe au beurre de Yak’ (‘A lámpada de manteiga de Yak’), dirixida por Hu Wei, e ‘Meu amigo Nietzsche’, do brasileiro Fáuston da Silva.











