Arzúa recupera o labor didáctico de Preescolar na casa
O Concello de Arzúa ten previsto acoller a partir do mes de outubro o labor educativo, lúdico e didáctico infantil e familiar desenvolvido pola asociación Antonio Gandoy. Dita asociación ten como misión principal preservar, difundir e dar continuidade ao labor socioeducativo desenvolvido por Preescolar na casa.
O novo programa chamado Espazos das Familias constitúe un lugar e un tempo de encontro para a formación de nais e pais con nenos e nenas de 0 a 3 anos e tamén de futuros pais e nais.
Os profesionais da Asociación Socio-educativa Antonio Gandoy (mestres, pedagogos e psicólogos con ampla traxectoria educativa en Preescolar na Casa) deseñan actividades dirixidas a reforzar as competencias parentais, así como a dar resposta ás diferentes necesidades das nenas e dos nenos.
O lugar no que se desenvolverá o programa será a Aula multifunción (coñecida como Ludoteca) situada na planta baixa do edificio sociocultural María Mariño, ao carón do Club de Xubilados. As sesións, cunha periodicidade semanal, desenvolveranse nas tardes dos xoves e serán dunha hora e media de duración. A continuación desta sesión, as familias disporán dun tempo individual para aclarar dúbidas mediante unha titoría concertada.
Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar desta iniciativa ou que precisen resolver calquera dúbida pódense poñer en contacto co teléfono 686 446 838 ou asistir a unha reunión o xoves, 1 de outubro, ás 16:30 horas no lugar indicado. O prezo para participar no Espazo das familias de Arzúa será de 15 euros mensuais por familia, cuota reducida grazas á colaboración do Concello.
A Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy constitúese en febreiro de 2013, co fin de continuar co traballo desenvolvido durante 35 anos por Preescolar na casa. Décadas de traballo a prol da infancia, das familias e da cultura galega dende unha intervención educativa coa familia, orixinal e integradora.