Artem Pustovyi xa forma parte do Rio Natura Monbus Obradoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+
Presentación de Artem Pustovyi

Presentación de Artem Pustovyi

O novo xogador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Artem Pustovyi, foi presentado hoxe como xogador do club, apoiado polo membro do Club de Empresas Obradoiro, Estrella Galicia, que tamén fixo público o seu novo acordo co club.

José Villanueva, responsable de patrocinios de Estrella Galicia, deu a benvida ao pivote “nun día moi especial no que tamén queremos comunicar a extensión da nosa vinculación co club por tres anos. O que vén é especialmente importante para o baloncesto galego coa disputa  da Copa do Rei na Coruña, e para nós, que cumpriremos 110 anos, polo que non queremos faltar a esa cita coa mellor afección da liga Endesa para celebralo e brindar polos éxitos conxuntos”, afirmou.

Rafael Silva, conselleiro do club presente no acto, lembrou que a marca cervexeira está a contribuír á consolidación do club “desde os inicios”. Engadiu que ambas as partes teñen en común “representar a Galicia dentro e fóra da nosa terra, querer crecer desde a humildade e o traballo, competir con rivais moito máis poderosos economicamente falando, tratar de ser imaxinativos e diferentes…E ambos temos unha afección da que estamos orgullosos”.

Silva mencionou tamén o “ilusionante desafío da Copa do Rei, precisamente na casa de Estrella Galicia. E por suposto, eles quixeron estar á beira do equipo nesta histórica cita. Entre outras iniciativas que iremos dando a coñecer, Estrella Galicia patrocinará a Camiseta Fan Copadoiro que recibirán gratuitamente todos os nosos abonados, co obxectivo de crear a atmosfera o máis obradoirista posible no Coliseo de Coruña”.

Artem, sorprendido polo recibimento, declarou que se sente “moi integrado no equipo”, co que disputou xa os dous partidos de Copa Galicia realizando grandes actuacións. O xogador espera crecer no club e mellorar aspectos do seu xogo como o tiro exterior, pero cre que poderá achegar moito “xogando preto do taboleiro, reboteando e correndo na pista”

José Luís Mateo, director xeral do club, falou do xogador ucraíno tras agradecer a Estrella Galicia “a súa implicación tamén co día a día do club, levada a cabo mediante a súa delegación santiaguesa”: “Con Artem adquirimos principalmente un proxecto de xogador, aínda que pensamos que en pouco tempo poderá axudarnos a conseguir os nosos obxectivos”. “Aínda está en plena formación física e técnica, pero tamén pensamos que elixiu o lugar adecuado para engadir á súa capacidade de traballo, mobilidade e envergadura, outros recursos técnicos”. O directivo quixo agradecer publicamente ao BK Khimik, club no que se formou e do que provén cedido por tres anos, “as facilidades mostradas para chegar a un acordo e asociarse á nosa visión”, explicou para concluír coa conferencia, tras as que todos os asistentes brindaron sobre a pista do Fontes do Sar con Estrella Galicia.

21 de setembro de 2015 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.