Arrinca en Ourense a semana de Termatalia
Arrinca a semana internacional de Termatalia. Aínda que a Feira Internacional de Turismo non abre as súas portas até o xoves 24 de setembro, as actividades profesionais vinculadas á feira comezaron xa. Esta mañá comezaba en Expourense o primeiro dos cursos de capacitación termal que inclúen formación especializada con certificación académica e a realización de prácticas en varios centros termais de Galicia. Termatalia reforza así o seu papel como centro de capacitación internacional en termalismo.
A presenza de Galicia e da cidade de Ourense na última edición da feira celebrada en Arxentina en 2014, contribuíu ao seu posicionamento como destino para a capacitación de profesionais no sector. A participación de empresas de consultoría, formación, equipamento e investigación da comunidade, ademais da propia presenza do Campus da auga da Universidade de Vigo, converteron a Termatalia, Galicia e Ourense espazos de referencia á hora de formarse profesionalmente neste campo.
Estes cursos, que se celebran antes e despois da feira, están dirixidos aos profesionais do sector que vaian participar en Termatalia, e en especial aos de América Latina. Hoxe arrincaba o primeiro deles coa presenza de máis de 40 asistentes entre os que destacan profesionais do sector termal de México, Colombia, Costa Rica e Ecuador, principalmente. O curso de hoxe, que versaba sobre “Hidroxeoloxía e aproveitamentos enerxéticos das augas termais”, foi inugurado polo director de Termatalia, Alejandro Rubín, acompañado polos profesores da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo, Pedro Araujo e José Ángel Cid, encargados de impartir este curso. As sesións teóricas da mañá compleméntanse esta tarde cunha visita á ribeira termal de Miño na capital ourensá.
Mañá martes impartirase un novo curso pre-feira que virará sobre “Formación, Lexislación e normas de calidade en termalismo” e que estará impartido polo Dr. Antonio Freire, director de Gala Termal e director médico do Balneario Augas Santas, e por Luís Manuel Vicente Torcal, experto en sistemas de certificación turística. Incluirá tamén visitas a centros termais galegos.
O mércores 23 de setembro será a quenda do I Congreso Internacional da auga organizado polo Campus da auga da Universidade de Vigo en colaboración con Termatalia e outras entidades vinculadas ao desenvolvemento termal como o Concello de Ourense ou a Deputación provincia de Ourense, entre outras.
Xa o xoves 24 comezará a 15º edición (a 10ª desde que é internacional) de Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal que concluirá o sábado 26. O acto oficial de inauguración será ás 11.00 h. e contará coa presenza do Ministro de Sanidade do Goberno de España, Alfonso Alonso.
Unha vez concluída Termatalia 2015, os días 28 e 29 de setembro impartir dous novos cursos de formanción post-feira que incluirán unha sesión “Peloides e cosmética termal”, para o luns 28 de setembro, e correrá a cargo dos dos investigadores de referencia internacional á hora de falar dos peloides: o Dr. José Luís Legido, Xefe do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, e Director do Grupo de Investigación de FA2, e a Dra. Lourdes Mourelle, Investigadora e Formadora experta en Termalismo, Talasoterapia e Wellness. Incluirá a visita ao Talaso Atlántico de Oia, en Pontevedra. A última xornada versará sobre “Hidroloxía Médica e Técnicas Termais” e tamén estará impartido polo Dr. Antonio Freire e contempla a realización de prácticas de técnicas termais no balneario de Augas Santas, en Ferreira de Pantón, Lugo.











