Apróbanse as primeiras rutas de sendeirismo para outubro e novembro
A reunión sobre patrimonio, sendeirismo e actividades saudables mantida onte no Concello e promovida polo tenente de alcalde, Nicolás González Casares, serviu para aprobar as primeiras rutas dun calendario de actividades moi relacionadas coa cultura e a natureza que se desenvolverá de xeito continuado ao longo do ano. Deste xeito, entre todos os afeccionados e entidades que acudiron á xuntanza, decidiuse realizar unha primeira ruta de sendeirismo denominada “Ruta dos Pazos”, na que se fará un percorrido dende Lalín ata a Ponte Medieval de Taboada. Así mesmo, aprobouse a realización dun novo roteiro o 22 de novembro, cun itinerario aínda por fixar, pero que se levará a cabo na Serra do Candán, en colaboración con veciñas e veciños de Vilatuxe e Zobra asistentes á reunión. Tal e como explicou González Casares, “trátase dun proxecto moi ilusionante, que empezará cunha soa saída por mes, co obxectivo de ir paseniño, pero facéndoo ben”.
A magnífica asistencia á reunión, dou mostra do enorme interese e disposición que hai por parte dos afeccionados para realizar este tipo de actividades, xa que son conscientes do enorme potencial que ten Lalín neste eido. Acudiron á xuntanza persoas a nivel individual, pero tivo especial relevancia a asistencia de gran número de colectivos, tales como A Peniza, Vilatuxe Trail, Zobra Camiña, Petón do Lobo, Sendeirismo en Galicia, ou Montes de Galicia.
Todos os asistentes acordaron formar grupos de traballo cos que ir iniciando roteiros regulares e crear unha dinámica de participación nestas actividades. Os grupos irán variando en función das rutas, debido ao coñecemento da zona dos diferentes asistentes. Dende a páxina web do concello habilitarase unha plataforma para recoller, organizar e divulgar todo o material referente aos roteiros. Así mesmo, o Concello encargarase de manter as rutas de sendeirismo en bo estado e facilitará os medios para poder levalas a cabo.
González Casares tamén explicou que aqueles itinerarios “máis interesantes dende o punto de vista histórico e patrimonial, terán unha xornada de explicación previa aos interesados, co fin de sacarlle o maior rendemento e facer que os afeccionados as desfruten ao máximo”. Por outra banda, o tenente de alcalde tamén anunciou que o Concello pretende homologar algún roteiro de curto percorrido na zona das Fragas de Catasós que se vinculará ás que se están proxectando na actualidade na zona de Zobra.











