Apertura do prazo para solicitar axudas municipais á infravivenda
O departamento de Benestar Social anunciou que dende mañá queda aberto o prazo para presentar as solicitudes de acceso ás axudas municipais para a rehabilitación de vivendas que non reúnan as mínimas condicións de habitabilidade. O período para solicitar as prestacións permanecerá en vigor ata o vindeiro día 10 de outubro e os demandantes deberán solicitar cita previa na Concellería de Servizos Sociais, onde tamén se lles indicará a documentación que deben entregar.
O Concello destina 20.000 euros a esta liña de subvencións coas que se pretende paliar a problemática da infravivenda. Tal e como indican as bases reguladoras do proxecto de concesións, que se poden consultar na páxina web do Concello, o importe máximo da subvención será de 5.000 € por vivenda, non podendo exceder desa mesma cantidade a partida solicitada. En todo caso, as axudas poderán alcanzar o 100% dos custos da actuación debido ao baixo nivel de recursos do beneficiario ou, establecerse un copagamento do 90, 80 ou 60% en función da renda do adxudicatario.
Os traballos de mellora nas vivendas comprenden dende actuacións xerais como acabamentos nas fachadas ou nas cubertas, ata obras de habitabilidade e de mellora funcional, como a adecuación das condicións hixiénicas, de ventilación, iluminación, etc. Por outra parte, as subvencións tamén comprenden tarefas de mellora na accesibilidade, tales como a supresión de elementos ou a mellora de remates interiores. En todas as actuacións se seguirá a normativa técnica urbanística en vigor.











