Apertura do prazo para presentación de ofertas para as obras do mercado tradicional
O Concello de Bueu iniciou hoxe o expediente administrativo de contratación para as obras de mellora do mercado tradicional destinado a venda de excedentes da horta no entorno da Praza de Abastos.
Así, foron enviadas a varias empresas invitacións para participar no proceso de selección, ao que tamén poden presentar ofertas outras empresas que estean interesadas, durante un prazo de oito días naturais a partir de mañá, xa que hoxe foi publicado na sección do “Perfil do Contratante” da páxina do Concello: www.concellodebueu.org .
Tras recibir a aprobación de Portos de Galicia o pasado mércores, agora o Concello apura os trámites para iniciar as obras de mellora deste espazo, no que se vai proceder á colocación de mobiliario urbano específico e unha cubrición mediante un sistema de toldos enrrollables para o mercado tradicional de venda de excedentes da horta na Praza de Abastos.
No proxecto establécese que con esta mellora vaise “modernizar a imaxe deste espazo tradicional co obxecto de promover e incentivar a compra local”.
As obras están financiadas nun 70% pola Consellería de Economía e Industria, e cofinanciadas polos fondos FEDER. O orzamento total é de case 40.000 euros, dos que se subvencionan 27.408. Ademais deste, o Concello tamén recibiu unha subvención por 3.000 euros destinada a actuacións de dinamización comercial na Praza de Abastos.
Aberto o prazo para a contratación dos servizos de cafetería do Centro Social
Así mesmo, ata o 30 deste mes permanece aberto o prazo para solicitar a contratación dos servizos da cafetería do Centro Social, cuxo proxecto técnico se pode ver na páxina web do Concello de Bueu, na sección do Perfil do Contratante.











