Animar na Copa Galicia ao Rio Natura Monbus Obradoiro ten premio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro quere agradecerlle o seu apoio a todos os afeccionados que realizan co club  #ocamiñodailusion desde os primeiros pasos de pretemporada. Por iso, todo aquel que asista a algunha das citas galegas de pretemporada do equipo poderá comprar entradas a 5 euros para o partido de presentación a celebrar en Sar o 4 de outubro (19.00 horas) ante o F.C. Porto. A promoción estará vixente até o próximo 24 de setembro. 

Deste xeito, tanto os asistentes ao pasado I Torneo EncestaRías, como os da 30ª Copa Galicia, que terá lugar o próximo fin de semana en Ourense, terán este prezo especial ao presentar a súa entrada destes encontros nas oficinas do club, abertas de luns a venres, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.

Tamén até a mesma data, 24 de setembro, os abonados poderán adquirir a entrada do seu asento a este prezo. Daquela os asentos serán liberados e o prezo será único para calquera afeccionado: 12 euros adultos e 5 euros os menores de idade. Os Amigos da Fundación Heracles son os únicos que poderán gozar do prezo de 5 euros até o mesmo día do encontro. 

Será unha ocasión única para ver ao novo proxecto do obradoirismo estrearse en Sar ante os históricos do país veciño, capitaneados polo técnico Moncho López e recentemente ingresados de novo en primeira división portuguesa. 

15 de setembro de 2015 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.