Amplíase ata o 29 de setembro o prazo de inscrición nos obradoiros de lingua e cultura
O Concello de Ames, a través da concellaría de Normalización Lingüística, informa de que se amplía ata o 29 de setembro o prazo para inscribirse nos obradoiros de lingua e cultura, “En galego, co teu acento”. As inscricións poden facerse tanto presencialmente, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ou nas Oficinas municipais de Milladoiro (Rúa de Abaixo, número 10), como a través do teléfono, chamando aos seguintes números: 662 377 215 / 981 884 991 (Bertamiráns) e 981 525 349 (O Milladoiro).
Os obradoiros de lingua e cultura desenvolveranse en Bertamiráns e no Milladoiro. En Bertamiráns as clases impartiranse no Pazo da Peregrina, desde o 1 de outubro ata o 9 de novembro, en horario de 9:30 h a 11:00 h, de luns a xoves. No Milladoiro, o obradoiro impartirase na Casa da Cultura desde o 11 ata o 23 de novembro, de luns a venres e en horario de 9:00 h a 10:00 horas. Os obradoiros duran un total de 30 horas, son gratuítos e hai 20 prazas para cada unha das localidades.
Estes obradoiros son unha boa oportunidade para achegarse á lingua e á cultura galega. Deste xeito, esta actividade está dirixida fundamentalmente á poboación procedente de fóra de Galicia, co obxectivo de que adquiran nocións básicas de lingua e cultura galega, que contribúan á súa integración e á cohesión social, e que sirvan de paso previo á obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGAS).
As persoas asistentes achegaranse á lingua e á cultura progresivamente, nun proceso de aprendizaxe que pasa pola adquisición de coñecementos a partir fundamentalmente do traballo en equipo e da realización conxunta de actividades cotiás. Trátase dunha actividade basicamente práctica cuns mínimos contidos teóricos.
Os obradoiros de lingua e cultura están dirixidos a todas aquelas persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames, aos inmigrantes ou emigrantes retornados residentes no territorio municipal amesán, e a calquera interesado ou interesada en achegarse á lingua e á cultura galega.
Por outra banda, a través desta iniciativa preténdese proporcionar nocións básicas para a comprensión e a expresión oral e escrita da lingua galega; fomentar o achegamento á cultura é a historia de Galicia; dar a coñecer Ames, as infraestruturas e os servizos que ofrece a institución municipal; promover a cohesión social e a integración na sociedade galega e amesá, pór en valor a multiculturalidade de Ames e promover o intercambio cultural.











