Ames pon a disposición da veciñanza 10 parcelas nas Hortas Urbanas do Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Ser maior de idade, figurar inscrito/a no Padrón do Concello de Ames, estar física e psiquicamente capacitado para realizar traballo de horta e estar ao corrente no pagamento das obrigas tributarias municipais son algúns dos requisitos que se requiren para poder acceder a unha das 10 parcelas de horta que o Concello pon a disposición dos veciños/as no Milladoiro. Ademais os/as adxudicatarios/as das hortas deberán asistir a un curso de formación sobre “prácticas sostibles nas hortas urbanas”, impartido polo Concello de Ames, e deberán seguir o manual de boas prácticas de agricultura sostible facilitado no curso. As parcelas adxudicaranse por prazo dun ano prorrogable por un ano mais. O prazo para presentación de solicitudes comeza hoxe e alongarase ata o 18 de setembro de 2015 debendo presentarse as devanditas solicitudes por rexistro, tanto nas Oficinas Municipais do Milladoiro, como na casa do Concello en Bertamiráns. A Instancia de solicitude poderá descargarse da sección avisos da páxina web do Concello de Ames ou recollerse nas dependencias municipais de Bertamiráns ou do Milladoiro.

O número de parcelas obxecto desta convocatoria é de 9, en concreto están dispoñibles as fincas 2, 6, 16, 17, 25, 30, 32, 35, 39 e 43, situadas na parcela denominada como “Dotacional” e pertence ao Plan Especial de Reforma Interna. P.M.6- 01 rúa do seixo- rúa Codeseira. As parcelas adxudicaranse por prazo dun ano prorrogable por un ano mais.

Para poder acceder á solicitude do uso das hortas deberanse cumprir os seguintes requisitos: ser maior de idade, figurar inscrito/a no Padrón Municipal de habitantes do Concello de Ames, estar física e psiquicamente capacitado para realizar traballo de horta, estar ao corrente no pagamento das obrigas tributarias municipais e asinar o documento de aceptación e cumprimento das obrigas expostas na Ordenanza reguladora das hortas urbanas solidarias e sostibles do Concello de Ames.

Aínda que o acceso as hortas está aberto a todos os /as veciños de Ames debido ao fin social e solidario das mesmas reservarase un 14 % das parcelas, o que neste caso corresponde a unha parcela, para casos de emerxencia social informados polos Servizos Sociais do Concello de Ames e outro 14 %, outra parcela,para persoas maiores de 65 anos. Estas parcelas, no caso de non ser solicitadas por estes colectivos pasarán a ser de uso xeral.

Prazo de presentación de solicitudes e documentación requerida

O prazo para presentación de solicitudes será do 2ao 18 de setembro de 2015debendo presentarse as devanditas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello de Ames, tanto na oficina de rexistro de Milladoiro como na Casa do concello de Bertamiráns. Os interesados/as deben presentar a instancia na que se solicita a autorización de uso dunha parcela, unha fotocopia cotexada do DNI ou do documento que legalmente o substitúa, 2 fotografías recentes, unha fotocopia cotexada do libro de familia, unha declaración xurada de compromiso de coidado e mantemento da horta, un informe médico onde se indique que o/a solicitante e/ou os membros da unidade familiar que vaian a cultivar a horta poden realizar tarefas agrícolas sen risco para a súa saúde. Ademais os interesados/as poden presentar calquera documento que se estime oportuno para acreditar as circunstancias especiais que xustifiquen a autorización de uso de hortas sostibles e, se fose o caso, un informe dos Servizos Socias do Concello de Ames. O Concello comprobará de oficio o empadroamento e a ausencia de infraccións e débedas tributarias municipais.

A Instancia de solicitude poderá descargarse da sección avisos da páxina web do Concello de Ames ou recollerse nas Oficinas Municipais de Atención Veciñal do Milladoiro, Rúa de Abaixo nº 10 Milladoiro ou no departamento de Medio Ambiente, Casa do Concello, Bertamiráns.

Unha vez presentadas as solicitudes, estas serán avaliadas pola Comisión á que fai referencia o artigo 13 da Ordenanza, creada na presente resolución de convocatoria, e será elaborada unha lista provisional que será sometida a exposición pública a efectos de alegacións, por prazo de 10 días hábiles. Finalizado este prazo e resoltas as alegacións que se houberan presentado, será elaborada, a proposta da Comisión, unha lista definitiva, a cal será publicada nos taboleiros de anuncios e na páxina web municipal.

Coa publicación da lista definitiva indicarase o día, lugar e hora para a realización do sorteo de adxudicación das hortas, debendo realizarse un sorteo para cada unha das modalidades. Á vista do sorteo a Comisión fará a proposta de adxudicación, e mediante resolución de Alcaldía serán adxudicadas as hortas, podendo establecerse, de ser o caso, unha lista de agarda. Realizada a adxudicación das hortas, procederase no prazo de 15 días a expedir as correspondentes autorizacións para uso privativo das hortas.

Non poderán acceder a unha destas hortas urbanas as persoas que na súa unidade familiar teñan algún membro que xa sexa usuario/a de horta urbana municipal e sostible e solidaria do Concello de Ames. Tampouco poderán acceder a unha destas concesións as persoas que fosen privadas dunha horta urbana sostible e solidaria previo expediente sancionador. A Instancia de solicitude poderá descargarse da sección avisos da páxina web do Concello de Ames ou recollerse nas Oficinas Municipais de Atención Veciñal do Milladoiro, Rúa de Abaixo nº 10 Milladoiro ou no departamento de Medio Ambiente, Casa do Concello, Bertamiráns.

Nas solicitudes indicarase si se opta pola modalidade de maior de65 anos, emerxencia Social ou libre. Non se permite a presentación de mais de unha solicitude por unidade familiar, e o seu incumprimento orixinará a exclusión automática da solicitude. Os/as adxudicatarios/as das hortas deberán asistir a un curso de formación sobre “prácticas sostibles nas hortas urbanas”, impartido polo Concello de Ames, e seguirán o manual de boas prácticas de agricultura sostible facilitado no curso.

“Coa posta a disposición dos espazos hortícolas preténdese que a poboación adopte unha actitude activa na ocupación do seu tempo libre e de ocio. Trátase de facilitar a intervención de cidadáns no desenvolvemento sostible, facilitar a relación de coexistencia xeracional entre os veciños/as, e así mesmo, unha contribución ás economías familiares que se vén favorecidas polos cultivos de autoconsumo”, declara Catuxa García, concelleira de Medio Ambiente.

3 de setembro de 2015 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.