Ames declárase concello libre de circo con animais
No pleno celebrado o pasado 3 de setembro a corporación municipal de Ames aprobou por unha unanimidade unha moción para declararse como un concello libre de circos con animais. A iniciativa presentada polo grupo Ames Novo (a instancia da asociación animalista Libera) solicitaba non permitir a instalación de circos nin facer publicidade deste tipo de espectáculos con animais. A moción engadíronse unha serie de emendas acordadas polo resto dos grupos políticos municipais que foron ratificadas durante o pleno.
Para que a decisión teña efectividade legal, será preciso modificar a ordenanza municipal (PXOM) de conformidade coa normativa sectorial aplicable, competencia autonómica.
Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, “non podemos prohibir a instalación de circos no termo municipal xa que o Concello non ten potestade legal para denegar as licenzas. Ata que se modifique a normativa, o papel do Concello será velar polo cumprimento rigoroso dos requisitos esixidos pola Xunta para conceder a autorización do exercicio da actividade”.
Catuxa García engade que “en Galicia, concellos como Ares, Teo, Pobra de Brollón, Cangas, Dodro, Vedra, Viveiro, Betanzos, Ourense ou Vigo, xa apostaron por non permitir este tipo de espectáculos, demandando só circos éticos (sen ningún tipo de animal nos seus números)”.
A evidencia científica recopilada ao longo dos anos mostra que o impacto dos circos sobre o benestar animal é grave e potencialmente debilitante, xa que a natureza itinerante dos circos imposibilita os animais a reproducir os seus complexos hábitats e grupos sociais naturais. Pódense apreciar graves problemas producidos polo estrés, sufrimento mental e físico, aparición de comportamentos anormais, risco para a saúde a causa da hixiene e dietas inadecuadas nestes animais.
A concelleira de Medio Ambiente remata dicindo que “o respecto polo medio ambiente e a natureza inclúe o respecto e a convivencia con outros seres vivos. Os circos con fauna salvaxe non ofrecen una educación medioambiental axeitada, senón que promoven unha visión terxiversada e falsa, resultando antipedagóxica para os nenos/as que é o público maioritario destes espectáculos. Non se pode manter un animal en catividade e pretender a súa reeducación para empregalo como divertimento social. É necesario construír unha nova ética que deixe de situar os animais ao servizo das nosas necesidades”











