Ameixa Rock regresa a Carril con boa música, espectáculos, deporte e visitas a Cortegada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os composteláns, Ruxe Ruxe encabezan o cartel do Ameixa Rock que por terceiro ano consecutivo regresa esta fin de semana a Carril. Ademais de boa música, o festival presenta este ano un amplo programa de actividades para toda a xornada e que inclúen dende torneo de fútbol praia, a espectáculos familiares, ademais de visitas a Cortegada e rutas e kaiak. A cita, en Carril, o sábado 5 de setembro. Todos os concertos e actuacións son de balde.

A esencia do Ameixa Rock compóñena os concertos que terán lugar na explanada da lonxa de Carril o sábado pola noite. A partir das 22:00 horas actuarán no escenario Ameixa Rock os Ruxe Ruxe, Aquelarre, Hem, Estravagario e DJ Fangueiro. Como en anteriores edicións, a Asociación Cultural Ameixa Rock, organizadora do evento, pretende promocionar aos grupos Galegos e especialmente aos locais ou con compoñentes da localidade. Este é o caso de Estravagario, formación carrilexa, ou Aquelarre, que aínda que non é da vila, conta nas súas filas cun músico da outra beira de Cortegada; e de Aquelarre formación de pura cepa carrilexa que prometen moito e que a organización cualifica como “moi leñeiros”. Este ano por vez primeira, o Ameixa Rock abre fronteiras e contará coa participación de Hem, un grupo de mozas de Segovia que están apegar moi forte. E a festa rematará coa actuación de DJ Fangueira, tamén da casa.

Pero a actividade do Ameixa Rock comezará de mañá. Concretamente a partires das 10:00 horas cando dea comezo na Praia da Cobacha a Festa do Fútbol Praia. Os que prefiran os deportes náuticos poderán alugar un Kaiak para facer rutas pola ría, e os que opten polo turismo natural, poderán realizar visitas guiadas a Cortegada coa firma Corticata entre as 11 e as 18 horas.

E para ir abrindo o apetito para os concertos nocturnos, a partires das seis da tarde na Praza da Liberdade haberá Contacontos a cargo de Caxoto, a actuación de Peter Punk e a actuación de Back Road, que fai versións acústicas de temas famosos de rock.

O Concello de Vilagarcía, a través da Concellería de Cultura, colabora na organización do Ameixa Rock de Carril. O festival presentouse esta mañá na sede do Gato Negro coa presenza do alcalde, Alberto Varela e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, que estiveron acompañados de Elpidio Costa e Adrián Berride, da Asociación Cultural organizadora.

4 de setembro de 2015 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.