Alberto Varela participa na elección do presidente da FEMP en representación de todos os alcaldes do PSOE na provincia
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, participará esta fin de semana en Madrid na reunión plenaria da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Na xuntanza se elixirán os órganos de goberno, o consello territorial ,a xunta de goberno e a presidencia. O rexedor vilagarciá acode á capital ostentando a representación de todos os alcaldes socialistas da provincia de Pontevedra.
A renovación dos órganos de goberno da FEMP, á que están adscritos algo máis de 7.300 entidades locais de España, faise por elección pero cun sistema de voto ponderado, de xeito que se establece un baremo que vai dende os dous votos que corresponden aos concellos de ata 2.500 habitantes aos cen sufraxios que se aplican a cada millón de veciños. A Vilagarcía, nun tramo de poboación entre 20.000 e 50.000 habitantes, correspóndelle 15 votos.
Tendo en conta o resultado das últimas eleccións municipais e as posteriores alianzas, é probable que o alcalde vigués, Abel Caballero (PSOE), sexa quen releve na presidencia ao rexedor de Santander, Íñigo de la Serna (PP). O rexedor vilagarciá, como o resto dos alcaldes aos que representa, apoiará a candidatura de Caballero.











