Alberto Lema sinala que sacar a concurso as prazas baleiras dos mercados é algo que beneficia a toda a cidadanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, anunciou hoxe, nunha entrevista en Radio Coruña, a intención do Goberno local de sacar a concurso, contra principio do próximo ano, as 50 prazas baleiras que hai na rede de mercados municipais. Para iso, o edil prevé impulsar unha nova ordenanza das actividades nestes inmobles, “para que as adxudicacións se realicen non mediante un procedemento de subasta,como até o de agora, onde primaba o factor económico, senón un procedemento de concurso, onde se teñan en conta criterios como o proxecto ou a diversidade, a fin de ampliar a oferta que presentan estes recintos”.

“Durante o pasado mandado municipal semella que non houbo moito interese en atender aos mercados, xa que nin tan sequera se promoveu a ocupación das prazas baleiras”, indicou Lema, que adiantou que, á hora de introducir unha nova ordenanza para regular os mercados, “o Goberno municipal terá moi en conta as achegas e emendas que fagan as propias praceiras e praceiros”.

O concelleiro destacou que “un mercado municipal é un ente complexo, que gaña en atractivo canta máis actividade ten”. “Ademais, sacar a concurso as prazas baleiras xerará emprego, tamén de forma indirecta, xa que moitas veces os titulares fan contratacións, polo que é algo que beneficia a toda a cidadanía”, argumentou.

Por outro lado, o titular da área de Emprego e Economía Social insistiu en que o Concello da Coruña reclamará á Xunta de Galicia que cumpra os compromisos que adquiriu con respecto ao mercado municipal de Santa Lucía, e que pasaban pola posta en marcha dun centro de saúde. “Cremos que o proxecto existente é totalmente aplicable, polo que lle reclamamos á Consellería de Sanidade do Goberno autonómico que non actúe neste tema atendendo a intereses partidistas. O que antes valía cando gobernaba o PP non pode agora ser botado atrás”, explicou, á vez que recordou que “xa van dúas veces que Sanidade cancela as citas que tiñan con nós para tratar este tema”.

4 de setembro de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.