Alberto Lema participa nun foro en Valladolid para a promoción da cidade como destino gastronómico
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, participa hoxe e mañá no foro de Saborea España, que se reúne estes días en Valladolid para planificar accións de promoción do turismo gastronómico cara ao próximo ano, tanto a nivel estatal como internacional. “Trátase de promocionar A Coruña como destino gastronómico e planificar as accións que se desenvolverán baixo este paraugas, que supón unha promoción moi importante”, adianta o responsable municipal, que mañá mércores tomará parte na asemblea onde se aprobarán as liñas de difusión da gastronomía local das 19 cidades españolas que forman parte da plataforma, e entre as que se contan, ademais da Coruña, destinos como Madrid, Tenerife, Segovia ou Valencia, e a propia Valladolid.
Saborea España é unha plataforma creada para potenciar o turismo a través da gastronomía, e nela están integradas a Federación Española de Hostalería, a Asociación Española de Destinos para a promoción do Turismo Gastronómico, a Organización Europea de Cociñeiros, a Federación de Asociacións de Cociñeiros e Reposteiros de España e Paradores de Turismo.











