Alberto Lema asegura que o Plan de Emprego se presentará na data comprometida
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, manifestou onte ante a prensa que o Plan de Emprego comprometido en campaña electoral “estará listo en tempo”, e previsiblemente, se presentará “contra final de mes”. Non obstante, o edil manifestou que neste momento, o citado plan está “en fase de revisión, corrección e adaptación”. “As bases xa están completamente rematadas, o que agora falta e someter este proxecto á revisión interna do resto de áreas, como é o caso de Igualdade, Participación, Medio Ambiente e Xustiza Socia, xa que vai ser necesario contar coa súa opinión para poder executalo”.
Non obstante, Lema recordou que o Plan de Emprego que se presentará, previsiblemente, a finais deste mes estará aínda en fase de borrador. “Este será remitido posteriormente ás 19 entidades que forman parte do Pacto Local polo Emprego e que sumarán as súas achegas”, explicou. “Hai que entender este documento como un plan rector que establecerá as bases de actuación desta concellería para os próximos catro anos, pero que tamén vai ser sometido a análise e valoración por parte de diferentes axentes”, indicou, para engadir: “Presentarase no tempo no que foi comprometido”.
Por outro lado, o edil responsable de Emprego e Economía Social manifestou que o Consorcio de Turismo “nomeará novo ou nova xerente” en torno ao mes de novembro. A este respecto, o concelleiro manifestou que dende o Goberno local “hai unha serie de liñas que se queren fomentar, como son potenciar o turismo dende o punto de vista da sostibilidade, e que este teña elementos diferenciais”. “A Coruña debe verse como unha marca atractiva, non como un turismo de aluvión, debemos buscar o retorno económico, e un turismo máis de calidade que de cantidade”, explicou.
Para Lema, A Coruña debe ser entendida como “un destino de calidade, facendo valer o seu patrimonio artístico, cultural, histórico e gastronómico”, por iso, na súa opinión, “é necesario traballar de forma conxunta para potenciar o atractivo cultural da cidade”. “Iso xa se fixo durante o mes de agosto, e cremos que foi un dos factores que incidiu na maior afluencia de turistas na cidade”, rematou.











