AIMEN lidera un proxecto europeo que desenvolve sistemas de tratamento de augas residuais máis eficientes
AIMEN Centro Tecnolóxico lidera o proxecto europeo HIGHWET cuxo obxectivo é desenvolver sistemas de tratamento de augas residuais, tanto urbanas como industriais, máis sustentables e eficientes que os convencionais. As principais conclusións desta iniciativa de I+D+i foron presentadas esta mañá, nunha xornada organizada por AIMEN e SEDAQUA, un dos socios do proxecto, na Facultade de Ciencias da Universidade Da Coruña.
As plantas desenvolvidas enmarcadas dentro deste proxecto representan unha solución alternativa á problemática que existe en moitas poboacións inferiores a 10.000 habitantes e en pequenas e medianas empresas, que non dispoñen dun saneamento adecuado das súas augas residuais debido á enorme superficie e ao elevado custo que require a construción das plantas de tratamento convencionais.
Iniciativa pioneira no tratamento de residuos urbanos e industriais
O proxecto HIGHWET céntrase na combinación de sistemas anaerobios de alta carga, que permiten realizar un pre-tratamento eficaz da auga residual sen necesidade de airear, o que implica un importante aforro en termos enerxéticos; e humidais construídos, que inclúen innovadores materiais absorbentes que imitan as funcións dos humidais naturais na eliminación de contaminantes existente nas augas residuais, como o fósforo. Ambas as solucións caracterízanse por ser tecnoloxías de baixo custo, competitivas en termos de eficiencia e máis sustentables que os métodos de depuración existentes.
Grazas a esta iniciativa, poderase reducir a superficie dos humidais, xa que o sistema HIGHWET require unha extensión cinco veces menor que a dunha planta de humidais construídos convencionais; así como os custos construtivos derivados. Ademais, grazas ao emprego de materiais innovadores e do pre-tratamento anaerobio, incrementarase a vida útil do humidal ao atrasar a colmatación do leito de grava nos humidais. Así mesmo, o sistema permitirá aumentar a capacidade de carga hidráulica e orgánica dos humidais convencionais e conseguirase unha maior eficacia na eliminación de materia orgánica, nutrientes e axentes patóxenos.
Para validar os sistemas deseñados no marco de HIGHWET puxéronse en marcha dúas plantas piloto: unha no campus da Universidade Da Coruña, destinada a augas residuais urbanas; e outra en Purhus (Dinamarca), para o tratamento de augas residuais dunha industria alimentaria. Estas instalacións son as primeiras configuracións de sistemas anaerobios e humidais aireados construídos tanto en España como en Dinamarca.











