AEOPAS asesorará ao Concello de Ames no proceso de municipalización do ciclo integral da auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e a concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, participaron onte pola tarde no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, nunha xuntanza para falar do modelo de xestión pública do ciclo integral da auga. Neste encontro de traballo tamén estiveron representantes do gobernos dos concellos de Santiago de Compostela, Teo e Ferrol, así como o xerente da Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (AEOPAS), Luís Babiano.  

Esta reunión de traballo serviu para que o xerente da Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (AEOPAS) lle explicase aos representantes políticos dos concellos de Ames, Santiago, Teo e Ferrol as vantaxes do modelo público de xestión do ciclo integral da auga. Cada un dos concellos expuxo a situación actual na que se atopa o seu contrato da auga. Deste xeito, en Ames o contrato do saneamento e abastecemento da auga remata o vindeiro 31 de outubro. Dende o pasado 4 de agosto estase reunindo a nova comisión do ciclo integral da auga, que está traballando para buscar unha fórmula de xestión concreta e que, se é posible, sexa pública. 

Seguindo esta liña de traballo conxunto, recentemente os alcaldes de Ames e Teo mantiveron unha xuntanza para falar do proceso de municipalización da auga que levou a cabo o Concello de Teo, e que pode servir de referencia para o traballo que ten que desenvolver o Concello de Ames. 

AEOPAS asesorará ao Concello de Ames

Dende AEOPAS animaron aos gobernos participantes nesta xuntanza a que compartan sinerxías comúns e colaboren na posta en marcha dun modelo de xestión público do servizo da auga. Ademais, Luís Babiano, xerente desta asociación, animou aos concellos a que tomen a iniciativa de realizar unha xestión directa deste servizo. Deste xeito, esta asociación asesorará ao Concello de Ames no proceso de municipalización do ciclo integral da auga. 

Os participantes nesta reunión tamén falaron do Pacto Social pola Auga (#iniciativagua2015), que AEOPAS impulsa para que a sociedade civil acorde as regras básicas do modelo público da xestión da auga: transparencia, rendición de contas e participación social, co obxectivo final da sostenibilidade económica, social e ambiental.

O Pacto, ao que podería sumarse Ames, conta xa co respaldo de máis de 300 organizacións sociais, ecoloxistas, académicas e sindicais, así como operadores de auga e saneamento de distintos municipios, que coinciden en que a xestión e o tratamento da auga deben ser considerados un servizo de acceso universal, participado e vinculado aos dereitos humanos.

Ademais, do alcalde de Ames e as concelleira de Economía e Medio Ambiente, nesta reunión tamén participaron o concelleiro de Medio Ambiente de Santiago, Xan Duro, concelleira de Economía e Facenda de Santiago, María Rozas; e o alcalde de Teo, Rafael Sisto. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, pasou a saudar os participantes na xuntanza. 

Aposta por un servizo 100% público

O Pacto Social pola Auga que impulsa AEOPAS aposta por un servizo da auga 100% público, dende o convencemento de que este modelo de xestión pode xerar empregos de calidade. Ademais, a municipalización do servizo garante o acceso a un ben que é considerado un dereito, cunha dotación mínima de entre 60 e 100 litros por persoa e día, mesmo en caso de falta de pago. 

A #iniciativagua2015 xa se presentou en Cataluña, País Vasco, Castela-A Mancha, diversas cidades de Andalucía, Avilés ou Xixón. A intención de AEOPAS é que os plenos dos Concellos aproben mocións apoiando o Pacto Social da Auga, como único modelo de xestión democrática deste ben.

23 de setembro de 2015 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.