publicidade hoxe

Adxudícanse os proxectos de mellora da rede viaria da Laracha que suporán un investimento de 283.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

No Concello da Laracha celebrouse hoxe unha sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local na que foron adxudicados tres proxectos de mellora da rede viaria municipal que suporán un investimento conxunto duns 283.000 euros. A actuación máis extensa realizarase na estrada que comunica O Areal (no límite co veciño municipio de Arteixo) con Maseo (parroquia de Coiro). Os 1.580 metros desta vía –que alcanza os oito metros de anchura media- serán dotados cunha capa de aglomerado asfáltico en quente para facilitar o tránsito dos vehículos, realizaranse melloras na rede de drenaxe de augas pluviais e completarase a obra coa correspondente sinalización horizontal e vertical.

Trátase dunha actuación de especial relevancia porque esta é unha das estradas vertebradoras das comunicacións rodadas nas parroquias de Coiro, Soandres, Erboedo e Lestón. Pola súa situación, a vía está a soportar durante os últimos anos un importante volume de tráfico ao dar tamén acceso a Arteixo, Culleredo (enlaza coa AC-523) e mesmo ser unha alternativa de comunicacións coa cidade da Coruña pola terceira rolda. 

Na parroquia de Lendo o proxecto que se levará a cabo afecta ao tramo de catrocentos metros de lonxitude que comunica o núcleo de O Cruceiro coa estrada provincial DP 1913, sendo por tanto unha vía de acceso, por un lado, á zona do Igrexario de Lendo e, polo outro, ao ámbito do parque empresarial.

Neste caso, ademais da pavimentación con aglomerado asfáltico en quente e a sinalización, está previsto ampliar a anchura da calzada en dous metros para alcanzar os 6,5 de media ao longo de todo o tramo. 

Por último, na estrada que vai do Igrexario de Cabovilaño ao cruce co núcleo de Nogán, o proxecto inclúe a ampliación da anchura da calzada nunha media de dous metros máis –para o que será precisa a construción dun muro de pedra debido ás cotas máis altas que presentan as fincas lindeiras-, a pavimentación con aglomerado asfáltico en quente dos 536 metros de lonxitude da vía e a correspondente sinalización horizontal e vertical. 

Estas actuacións serán financiadas integramente con fondos propios municipais, concretamente coa parte do remanente do exercicio económico do ano pasado que fora incorporada aos orzamentos do presente curso para a realizar investimentos reais de mellora de servizos, infraestruturas e instalacións públicas.

Salientar tamén que na reunión de hoxe tamén foron concedidas dúas licencias urbanísticas maiores.

3 de setembro de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.