Adam Waczynski e Artem Pustovyi estrearanse no Eurobasket 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro estará representado mañá na xornada inaugural do Eurobasket 2015 por Adam Waczynski e Artem Pustovyi, unha das novas incorporacións do equipo para a tempada 15/16. O campionato europeo disputarase desde esta data até o 20 de setembro en diferentes cidades de Francia, Alemaña, Letonia e Croacia.

A primeira quenda será para Adam Waczynski, nun dos partidos inaugurais da xornada (15.00 horas), que enfrontará á súa Polonia natal con Bosnia en Montpelier. O xa veterano xogador do club obradoirista chega como unha das pezas crave da súa selección, tras disputar xa o pasado verán o Mundial. Encadrada Polonia no grupo A, espéranlle cruces tamén con Rusia, Francia, Finlandia e Israel.

Tamén debutará Artem Pustovyi. No caso da selección ucraína, esta pertence ao grupo D, compartido con Estonia, Letonia, Bélxica, República Checa e Lituania. Será precisamente o seu primeiro partido con Lituania como rival, mañá ás 21.30 horas en Riga. O pivote tamén foi internacional no campionato mundial disputado en España.

Ambos os xogadores afrontan “con moita ilusión” esta competición, tras varios días concentrados xa cos seus respectivos compañeiros. “Tentarei axudar á miña selección en chegar o máis lonxe que podamos”, afirmaba Waczynski, mentres que Pustovyi tampouco fixa obxectivos claros máis aló de “competir os partidos, divertirnos e divertir aos nosos afeccionados”.

 

4 de setembro de 2015 | 19:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.